A Guarda continúa coa programación de actividades do mes de xullo

13 Xullo 2023

Festas, concertos, festivais, gastronomía, exposicións, visitas guiadas e moito máis para gozar da Guarda este verán.


O Concello da Guarda continúa coa axenda de actividades programadas para o mes de xullo, entre as que destacan as festas, concertos, festivais, eventos de gastronomía, exposicións, visitas guiadas e moito máis para gozar da Guarda este verán.

Do 15 ao 16 de xullo teñen lugar no Porto da Guarda as Festas da Virxe do Carme. O sábado 15 de xullo haberá pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade da Guarda e pola noite gran verbena co Grupo La Patrulla e a Orquestra Travesía. Na xornada do domingo 16 de xullo ás 11:30 horas realizarase a saída dende a Igrexa Parroquial ata o Porto, onde ás 12:00 horas terá lugar a Misa Solemne (coa Agrupación Musical da Guarda e o Coro Cantábile) e posterior ofrenda floral. Ás 19:00 horas tradicional regata de gameliñas organizada conxuntamente entre a Comisión de Festas e a Asociación Piueiro. Para rematar ás 20:00 horas celebrarase o Festival de Música con Algarabia Folk.

A programación de actividades continúa na xornada do sábado 22 de xullo coa XXVIII edición Encontro dos Pobos ás 20:30 horas no Auditorio de San Benito. Organizado pola Asociación do Lusco ó Fusco, contará coas actuacións dos grupos Bychlewianca (Polonia), Parranda Chaboco (Tenerife) e Do Lusco ó Fusco (A Guarda).

O domingo día 23 de xullo realizarase no Auditorio de San Benito o Festival de Danza Attitude, organizado pola Escola de Danza Attitude.

Do 28 ao 30 de xullo terán lugar as Xornadas Gastronómicas do Peixe Espada organizadas por ORPAGU con actividades nos establecementos adheridos e nas rúas da vila.

O sábado 29 de xullo celebrarase na Praza de Avelino Vicente a III Mostra Creativa do Baixo Miño en horario de 10:30 a 15:30 horas e de 18:30 a 22:00 horas. Unha actividade para continuar apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos.



Nesta mesma xornada de sábado ás 20:30 horas terá lugar no Auditorio de San Benito un Concerto de Malabares coa Banda de Música da Guarda, actividade enmarcada en “Cultura no Camiño”.

Ademais, dentro da programación de actividades deste mes de xullo tamén destacan as exposicións, ata o día 14 estará na Casa dos Alonso a exposición ‘Os Nosos Mares’ de Carlos Ramos e do 18 de xullo ao 1 de agosto contarase coa exposición ‘4 médicos pintores’, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Neste mes de xullo tamén se ofertan saídas de navegación pola Costa da Guarda no Volanteiro Piueiro, información e inscricións na Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546.

Tamén en xullo continúan as visitas guiadas ao Monte Santa Trega, de martes a domingo ás 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00 horas. Non é preciso inscrición previa, só acudir á hora indicada ata a antiga Casa Forestal.


Está pasando!