A Guarda e Caminha acollen esta fin de semana a III Feira do Libro Luso-Galaica

18 Agosto 2022

O evento con programacións paralelas en ambos municipios, recolle as principais publicacións realizadas polos concellos e cámaras municipais dos municipios da fronteira luso-galaica.

Por terceiro ano consecutivo chega ata A Guarda e Caminha este evento que xurdiu coa vocación de visualizar a ampla oferta de publicacións en torno ao noso territorio e que na maioría das ocasións é de difícil acceso por ser publicado a cargo das institucións e  atoparse repartido e disperso en cada unha delas.

O evento organizado polos municipios de A Guarda e Caminha,  conta coa colaboración de tódolos municipios do Baixo Miño (Oia, O Rosal, Tomiño, Tui), mais de Salceda de Caselas e As Neves pola parte galega e dos municipios de Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao, Melgaço, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Ponte de Lima e Viana do Castelo, pola parte portuguesa. Todos estes concellos aportaron as súas publicacións que estarán ao dispor do público na Guarda na tarde do venres 19 e durante todo o día do sábado 20, mentres que en Caminha o horario será de tarde o venres (sexta-feira) 19, o sábado 20 e domingo 21.

A exposición e venda de libros estará acompañada dunha ampla programación con presentacións literarias e concertos, destacando na programación da Guarda o  concerto de Treides Comigo de Xoán Curiel(ás 21:00h do venres 19), que interpretará cantigas medievais da tradición luso-galaica adaptadas en clave contemporánea e o concerto da Banda Musical Lanhelense cun repertorio específico “Minho…O río que nos aproxima”(ás 20:30h do sábado 20).  A programación terá en conta tamén aos mais pequenos con actividades lúdicas como o concerto de Migallas o venres á tarde (19:00h.), o Contacontos Pepiña Maruxiña quere voar, o sábado ás 11:30h  e un obradoiro de Origamis o sábado á tarde (19:00h.)

Un dos motivos da realización conxunta deste evento é, ademais da colaboración entre os dous concellos transfronteirizos, o intercambio de experiencias culturais, dando a coñecer a artistas e escritores na outra beira do Miño. Así é o caso da Banda Musical Lanhelense, ou dos origamis de Pamela Campelo e Olga Loureiro que dende Caminha chegan ata a Praza do Reló o sábado a tarde. Dende o Baixo Miño chegarán ata Caminha o grupo rosaleiro Lirolai que dará un concerto o venres á noite, a Asociación pola memoria histórica que presentará o libro A porta do inferno e o fotógrafo Manuel Álvarez que levará o seu libro Sexades Mar.



TREIDES COMIGO

O concerto a cargo do grupo de Xoán Curiel que terá lugar na Praza do Reló o venres ás 21h. , trala inauguración da Feira a cargo das autoridades, está incluído dentro das actividades do programa Cultura no Camiño 2022 (Xunta de Galicia- Xacobeo 2022) e cobra singular importancia dentro desta feira xa que parte da orixe da nosa lingua común (o luso galaico) e unha das súas maiores representación literarias como é a tradición das cantigas medievais. O compositor e cantante Xoán Curiel define o espectáculo como novo e vello ao mesmo tempo: “Xoán pon música ás cantigas escritas hai case un milenio co propósito de ofrecer unha actualización das mesmas e achegar tamén a figura dos trobadores diversos camiños de Santiago, que sen dúbida espallaron esta tradición”.  Arpa, vento, percusión, voz e guitarras farán o resto nesta proposta de gran calidade artística que nos deleitará o venres 19 ás 21:00h. na Praza do Reló.


Está pasando!