A Guarda peregrina a Santiago para presentar unha renovada ‘Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira’

24 Xuño 2022

  • A vila do Baixo Miño, engalanada para a ocasión, acollerá do 1 ao 3 de xullo a trixésima edición dun evento que supera o carácter gastronómico ao implicar a toda a sociedade guardesa
  • Antonio Lomba propón aos peregrinos un “camiño á inversa” desde Santiago para potenciar os dous sentidos do Camiño Portugués pola costa
  • Sánchez Bugallo resalta a beleza da localidade e  felicítase por colaborar en dar a coñecer o patrimonio de A Guarda, “un orgullo para toda Galicia”

Os alcaldes da Guarda, Antonio Lomba, e de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, protagonizaron na mañá do 22 de xuño no Mercado de Abastos santiagués unha “irmandade” cultural e gastronómica co gallo da presentación da trixésima edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que se celebrará do 1 ao 3 de xullo na localidade guardesa. É a primeira vez que o evento gastronómico preséntase na capital, debido, entre outras boas razóns, ao interese da Guarda por fomentar o Camiño Xacobeo portugués pola costa.

Nas súas intervencións, ambos dirixentes coincidiron na importancia desta celebración e na marabillosa contorna guardesa. Neste sentido, Antonio Lomba apostou por un “camiño á inversa” e que os visitantes que cheguen a Santiago volvan despois pola Guarda, unha suxerencia que foi moi ben recibida por Xosé Sánchez Bugallo, quen comentou, entre risas, que “xa sabemos que ao final todos os camiños conducen a Santiago”.

Bugallo non dubidou en resaltar a excepcional paisaxe da localidade pontevedresa, á vez que mostrou a súa satisfacción por “poder colaborar en dar a coñecer un patrimonio como o da Guarda, que é un orgullo para toda Galicia”. Antonio Lomba, pola súa banda, destacou no seu discurso que o número de visitantes que chega á vila do Baixo Miño xa está como en 2019, antes da pandemia: “Estamos a só cinco visitantes de alcanzar as cifras dos turistas prepandémicos”.

A boa sintonía dos dous alcaldes quedou de manifesto neste evento, no que exerceu de presentador o concelleiro de Turismo da Guarda, Rafael Álvarez, ante a atenta mirada dunha nutrida representación dos hostaleiros que participarán na Festa, da concelleira de Educación, da directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, do director do Museo de Pobo Galego e do presidente da Asociación Piueiro, entre outros asistentes.

A Aula de Cociña do Mercado de Abastos vestiuse de gala para esta presentación, que incluíu un showkooking en directo e a posterior degustación dos produtos que se poderán gozar na festa guardesa: a langosta, por suposto, pero tamén percebes, lagostinos, camaróns o chocos, entre outros manxares.


A langosta presidiu o acto de presentación en Santiago | © Concello da Guarda

Unha programación para todas as idades

O vindeiro venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, dará comezo a XXX Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, tras dous anos de parón pola pandemia. A lectura do pregón a cargo da televisiva Eva Iglesias, a intervención do alcalde da localidade e a entrega da Lagosta de Ouro 2022, un galardón que se quere revalorizar, marcarán o inicio dunha das celebracións gastronómicas galegas máis populares.

Esa mesma noite, procederase á apertura da carpa e o grupo ‘Do Lusco ó Fusco’ encargarase de amenizar as rúas, previamente engalanadas con motivos mariñeiros grazas á iniciativa da Asociación Piueiro que secundaron os guardeses e as guardesas, apoiados polo propio Concello. Esa colaboración directa de todo o pobo pretende ser un dos piares dunha celebración que parte do gastronómico para chegar a todos os ámbitos.

A xornada inaugural concluirá cunha das actuacións enmarcadas no Festival ‘Mar de Blues’, que conta con invitados de talla internacional: Will Jacobs & Marcos Coll Band, unha formación liderada polo guitarrista de Chicago Will Jacobs; Javier Turnes, de Bakin Blues Band, e Remi  Bankyln, unha nova promesa do  blues tradicional.  Un programa de luxo que xa se converteu nun dos grandes atractivos do evento gastronómico.


Eva Iglesias será a encargada da lcetura do pregón

O sábado, día 2, as actividades festivas darán comezo ás 11 da mañá e sucederanse ao longo do día con gastronomía, a inauguración da Exposición Etnográfica Mariñeira da Asociación Piueiro, viaxes no volanteiro, unha feira de artesanía na  rúa  do Porto e varios pasacalles. A Lagosta castrexa, a mascota deseñada con motivo do trinta aniversario da festa, ocupará boa parte das actividades destinadas aos máis pequenos. Mentres que os máis maiores gozarán, sen dúbida, coa actuacións en directo do programa ‘Mar de Blues’.

O domingo 3 de xullo, os visitantes poderán participar no roteiro das cetarias e do Museo do Mar, reservando previamente as súas prazas no correo festadalangosta@gmail.com ou no punto de información situado na carpa instalada no porto da Guarda. Os pasacalles a cargo de grupos locais animarán o vermú mariñeiro, que se poderá degustar nun gran número de establecementos hostaleiros da Guarda. A música neste terceiro día de festa poñeraa Erea Castro, cunha actuación na Praza de San Benito, mentres que o grupo A Boalleira encargarase de amenizar musicalmente a despedida entre o porto e a carpa.


Erea Castro acturá na Praza de San Benito o domingo 3 de xullo

Descarga o programa da XXX Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira e o plano da situación da festa en PDF

Está pasando!