A Guarda pon en marcha unha ampla programación de actividades para o outono
2 Outubro 2020
Teatro, obradoiros, samaín, cantacontos, exposicións, charlas, eventos deportivos e moito máis na programación de outono no Concello da Guarda.
Programación teatral de outono na Guarda
O Concello da Guarda programa un total de cinco representacións teatrais nesta tempada de outono, tratase das obras “A nena que quería navegar”, “Invisibles”, “O mel non caduca”, “Rosa Caramelo” e “Running”, obras que se levarán a cabo entre o 26 de setembro e o 11 de decembro deste ano.
Esta programación arrancou xa na xornada do pasado sábado día 26 de setembro coa obra “A nena que quería navegar” e continúa este sábado día 3 de outubro coa obra “Invisibles” ás 20:00h no Centro Cultural, é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.
O venres día 16 de outubro continúa a programación de teatro coa obra “O mel non caduca” ás 21:00h no Centro Cultural, é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.
O sábado 24 de outubro ás 18:00h é a quenda da obra “Rosa Caramelo” ás 18:00h, é Un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Nesta montaxe composta de catro historias nas que combinamos a palabra e a música en directo, trataremos de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.
Xa para pechar este ciclo de teatro de outono, o venres 11 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural será o escenario para a representación teatral de “Running”, onde os 2 actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Nun total de 20 personaxes entre os 2. Trátase dunha vertixinosa peza cómica con mensaxe final… parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.
Para todas as representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade, en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h de luns a venres. O aforo é limitado.
Actividades para celebrar o día da biblioteca na Guarda
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda prepara diversas actividades no mes de outubro para celebrar o mes da Biblioteca, e o Día da Biblioteca(24 de outubro).
Cantacontos, con Migallas Teatro
Sábado 10 de outubro ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural.
En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ao público infantil, e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
Público: Nenos e nenas de 4 a 11 anos e familias.
Obradoiro de Cómic e Banda Deseñada, con Santy Gutiérrez
Sábado 17 de outubro. Dúas sesións: ás 11:30 horas e ás 12:30 horas na Sala de Exposicións do Centro Cultural.
Obradoiro de banda deseñada: os rapaces aprenderán recursos da linguaxe do cómic facendo a súa propia páxina de BD. No cómic atoparán unha ferramenta afín á súa vida que lles axudará a comunicarse, contando as súas propias historias nas que verter as súas propias inquedanzas e intereses.
Público: Nenos e nenas: De 8 a 9 e Mocidade.
Trémola Teatro. Que animaliño é?
Venres 23 de outubro ás 18:00 horas. Na Sala de Exposicións do Centro Cultural.
Paula co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos da casa podan coñecer os distintos animais. 3 “que animaliño é?”, é unha obra para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu redor.
Público: Bebés de 0 a 3 anos e familias.
Todas as actividades precisan inscrición previa na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 649 327 525. Protocolo Covid-19. Bibliotecas seguras.
O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro desde o ano 1997. Este día naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.
Exposición “Río Miño- Memorias transfronteirizas”
Na exposición “Río Miño – memorias transfronteirizas” os visitantes poden contemplar as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos. Esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan nas súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. Ademais, amosan a cultura dos Tesouros Humanos Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.
Esta exposición itinerante do patrimonio inmaterial que leva a cabo o CIM Alto Minho, en colaboración e coordinación coa DEPO, chega á Guarda, entre o 9 e o 20 de outubro na Casa dos Alonso.
Trail do Trega
O domingo día 11 de outubro o Trail do Trega chega á súa sétima edición con 14km de percorrido e preto de 800m de desnivel. Debido a pandemia da COVID 19, estará limitada a 300 prazas e as saídas serán de 10 atletas cada 30 segundos. A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. A proba arranca ás 10:30h dende a Alameda da Guarda.
Así mesmo, se organizará unha andaina guiada de 10 km e con 500 metros de desnivel LIMITE de 100 participantes, que sairá ás 10:00h dende a Alameda da Guarda.
Actividades para festexar o Samaín
A concellería de Cultura programa entre o 20 e o 28 de outubro diversas actividades online para festexar o Samaín con “Facemos un trato”.
O día 31 terá lugar o espectáculo “Contos para caghar patatillas” do elenco de Brais das Hortas e dirixido ao público infantil e familiar, no Centro Cultural ás 18:00h.
É preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural o luns previo á actividade, en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h de luns a venres. O aforo é limitado.
Máis actividades
- Charlas de igualdade organizadas pola ANPA CEIP A SANGRIÑA (Cada martes dende o 20 de outubro ata o 17 de novembro) no Centro Cultural.
- Presentación do libro de Denis Maza “La mística de un grano de arena” (22 e 23 de outubro).