‘Abracadáver’ | © Assircópatas

A Guarda presenta unha programación de teatro para Outono pensada para tódalas idades

31 Outubro 2023

  • Como cada ano, o Outono na Guarda é sinónimo de teatro, xa que é neste último trimestre do ano cando se concentra a programación cultural adicada as artes escénicas
  • Cinco serán as representacións que acollerá o Centro Cultural entre os meses de outubro a decembro con tres títulos adicados ao público infantil e familiar e dúas pensadas para público adulto e xuvenil
  • As propostas foron escollidas dentre as principais compañías teatrais galegas na procura de amosar as últimas novidades e velando sempre por atraer a máxima calidade

O ciclo comezou o pasado sábado 28 de outubro ás 18:00 horas, coa representación “O Secuestro da Bibliotecaria” pensada para público familiar con motivo da celebración do Día das Bibliotecas. Esta representación corre a cargo da compañía Sarabela Teatro, que con mais de corenta anos de traballo ás súas costas, forman parte indisoluble da historia do teatro galego.

“O Secuestro da Bibliotecaria” nos conta a historia da señorita Ernestina, a fermosa bibliotecaria da vila de Parangón, cando é secuestrada por uns bandidos xerando un caos cultural na vila.

O ciclo continuará o 4 de novembro ás 20:30 horas coa representación da obra teatral “As Alumnas”, que ven de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática.

“As Alumnas”, trata a historia de dúas alumnas da pedagoga María Barbeito, que se volven a atopar en 1970 trala morte da súa mestra, lembran a infancia e o mundo que lles abriu antes de que o Comité de Depuración afastase a María do seu traballo na escola. Elvira e Rosa son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas.

A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía. Ademáis deste percorrido íntimo os temas centrais da obra, son a memoria histórica, a educación e o retroceso que esta sufriu nos anos posteriores á Guerra Civil.



Para público adulto e xuvenil lle seguirá a función “Iphixenia na porta do súper” (sábado 25 de novembro), un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista, unha moza de barrio que pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila.

Interpretada maxistralmente por Alba Caneda, a súa personalidade magnética e directa amosa sen filtros e con humor os dilemas da protagonista na súa particular historia de amor-desamor, nas decisións que lle seguen e as consecuencias finais as que se ve abocada polos recortes sociais.

Para o público infantil e familiar as representacións continuarán o sábado 11 de novembro e 16 de decembro coas funcións “Hugo”– que nos relata unha bonita historia de amizada dende a optica dun neno con síndrome do aspecto autista- e “Abracadáver”, un espectáculo de circo terroríficamente divertido, pensado para desfacerse dos medos a través do clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho… todo á disposición dun actor preparado para levar a cabo o seu Abracadaver…

Toda esta programación conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2023 e do programa Tornar ás Táboas.

Está pasando!