A Guarda remata abril con programación polo día do libro

20 Abril 2022

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, realizou ao longo deste mes de abril diversas actividades polo mes do libro 2022 que continúan esta fin de semana co Día do Libro (23 de abril).

Este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participan as 4 librarías da vila e na que entregarase un agasallo na Biblioteca Municipal da Guarda a todas as persoas que consuman 30 euros nestes establecementos.

Xa para rematar a programación do mes do libro 2022, o 23 de abril celebraremos o Día do Libro con descontos especiais nas librarías da Guarda e obsequiarase cunha flor(ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Ademais contarase de 10:30 a 13:00 horas cun emblema clásico dos cómics de España, “Mortadelo e Filemón”, que visitarán A Guarda para conmemorar este día facendo un percorrido pola Biblioteca Municipal, as Librarías e as principais rúas da vila.

Recorda que na Biblioteca Municipal da Guarda está habilitado un mural no que poder deixar a túa pegada con mensaxes ao longo de todo o mes de abril.

Máis actividades polo mes do libro

O venres día 22 de abril presentase ás 20:00h na Casa dos Alonso o libro sobre o Campo de Concentración de Camposancos “A Porta do inferno” de José Antonio Uris Guisantes e Víctor M. Santidrian.

O Sábado día 30 de abril ás 18:00h terá lugar na Casa dos Alonso a presentación do libro “Palabras como corpos prata” de Joaquín Cadilla. Aforo limitado e inscrición previa en centrocultural@aguarda.es


Está pasando!