Presentación da programación para o 8M en Poio | Concello de Poio

A homenaxe ás “mulleres que abriron camiño”, accións nos centros de ensino e exposicións marcan a programación de Poio para o 8M

28 Febreiro 2025

  • O acto “Mulleres que fan Poio”, que recoñece a traxectoria de Carmen Agís, Rosalía Lores, Alicia Martínez, Ángel Fernández e Peregrina Veiga, é o venres 7.
  • A artista de Poio Mai Ferreira exporá os seus collage no Casal de Ferreirós desde o 14 de marzo.

O Concello de Poio presentou a programación coa que vai conmemorar o Día Internacional da Muller, unha proposta que arranca o venres 7 de marzo coa homenaxe “Mulleres que fan Poio”, na que se recoñece a traxectoria de cinco veciñas do municipio, e que ao longo de todo o mes inclúe charlas, contacontos e curtas nos centros de ensino, así como a exposición “Mulleres (in)visibles” da artista local Mai Ferreira.

O alcalde, Ángel Moldes, que presentou a programación xunto á concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, o persoal do CIM de Poio e de Quique Morales, autor do documental, destacou que “temos no noso concello moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe, de constancia. Mulleres e exemplos que é necesario poñer en valor, para recoñecer todos os avances conseguidos en moi pouco tempo, pero tamén para recordar que, coa implicación de todas e de todos, é fundamental seguir avanzando cara unha igualdade real, inclusiva e efectiva”.

Carmen Agís Rosales, de Raxó e propietaria do restaurante Lameiriña; Rosalía Lores Tobío, de Samieira, a alma do entroido de Samieira e cunha grande implicación en numerosos colectivos; Alicia Martínez González, de Combarro, cunha grande vocación de servizo público, como enfermeira e durante uns anos tamén concelleira da corporación; Ángela Fernández Carballa, de San Xoán, emprendedora do mundo do mar; e Peregrina Veiga Ortiz, de San Salvador, do restaurante Casa Angelita, son as cinco mulleres referentes ás que o Concello de Poio homenaxeará este ano polo 8M, unha representante de cada parroquia propostas polo Consello Municipal da Muller que destacan pola súa traxectoria persoal, social ou laboral, “mulleres que abriron camiño, loitadoras, e que son exemplos de diferentes realidades que existen no noso concello. Representan o que é Poio e a nosa esencia”.


Presentación da programación para o 8M en Poio | Concello de Poio

Pola súa banda, a concelleira Natividad Torres apuntou que “o 8M é un día para celebrar todos os avances que levamos conseguidos e para recoñecer os esforzos, os sacrificios e a loita das mulleres que os fixeron posibles”.

Quique Morales, autor do documental, expresou “o regalo” que supón introducirse nas vidas destas cinco mulleres. “O documental amosa o inmenso traballo que fan e fixeron cada unha delas, para que todos tomemos consciencia”.

Outra veciña de Poio, a artista Mai Ferreira, exporá os seus collage na mostra “Mulleres (in)visibles”, que se poderá visitar no Casal de Ferreirós entre o 14 e o 28 de marzo.

Mai Ferreira, que actualmente reside en Alemaña, descubriu que podía plasmar os seus soños, sensacións e pensamentos buscando imaxes que por si solas non teñen significado pero que ao recortalas e unilas con outras acaban por crear un universo novo con infinitos significados. Ademais da exposición, a artista tamén impartirá un obradoiro no IES de Poio sobre a súa obra e a técnica do collage dixital entre o alumnado de artes do instituto.

Tamén para o alumnado de secundaria se inclúe a proxección de varias curtas con temática sobre igualdade para reflexionar tras o seu visionado e establecer un debate, en colaboración coa Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas. Ademais, no centro colocarase o stand Agressión off: eu digo non á violencia sexual, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade para reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións, para identificar as tipoloxías da violencia sexual, evitar ditas agresións e incidir nunha educación afectivo sexual alternativa á pornografía.

Por último, para os centros de primaria tamén se destina outra parte importante da programación, conscientes de que “involucrar ás xeracións máis novas é fundamental para rachar estereotipos e seguir avanzando”, subliñou o alcalde. Así, os contacontos de Polo Correo do Vento coas historias das cinco homenaxeadas polo 8M visitarán todos os colexios para que “coñezan as historias de superación das súas veciñas”.

Está pasando!