Anabel Gulías na presentación do comezo da programación previa dos Feroz 2026 | Concello de Pontevedra

A identidade do segundo presentador ou presentadora da gala dos Premios Feroz 2026 está a piques de desvelarse

8 Setembro 2025

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro 15 de setembro unha charla-coloquio coa persoa escollida para acompañar a Samantha Hudson á hora de conducir a cita que se desenvolverá na Boa Vila


A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, anunciou o comezo da programación previa aos Premios Feroz 2026, unha nova edición que, segundo afirmou, chega «con moitísima ilusión» e co obxectivo de incrementar o número de actividades arredor da gala.

O primeiro gran evento desta tempada terá lugar o vindeiro 15 de setembro ás 18.00 horas no Teatro Principal. Trátase dun coloquio público no que se desvelará un dos segredos mellor gardados da vindeira edición: a identidade dunha das persoas que acompañará á xa anunciada Samantha Hudson na presentación da gala.

«Quixemos comezar este arranque de tempada organizando un acto público, un encontro, para dar a coñecer quen vai ser un dos acompañantes de Samantha Hudson», explicou a edil. A identidade do presentador ou presentadora manterase en segredo até ese mesmo día.

Para asistir a este evento, o Concello activará o mesmo sistema de entradas que na edición anterior. A asistencia será de balde, mais será preciso retirar previamente unha entrada nas oficinas de turismo.

As entradas estarán dispoñibles unha semana antes do evento, a partir do 8 de setembro, no horario habitual da oficina de turismo municipal. Manterase a limitación de catro entradas por persoa para garantir unha distribución equitativa.

Gulías subliñou que este é só o primeiro dunha serie de actos que se irán anunciando proximamente. «Hai un calendario de actividades que faremos público. Por agora o que queremos dar a coñecer é este primeiro acto público», aclarou. «Convidamos a todo o mundo a que se achegue, que volva a vivir os Feroz como os vivimos no ano 25».

Está pasando!