A iniciativa “Vive o Rio Minho” oferta para os días 3 e 4 de outubro varias actividades de ecoturismo entre A Guarda e Caminha

7 Setembro 2020

Baixo o nome de ‘Vive o Rio Minho’, a Deputación de Pontevedra vai desenvolver sete actividades ecoturísticas no Río Miño transfronteirizo –nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial- entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. O obxectivo, segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez, é ofrecer unha alternativa turística seguindo “o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da COVID 19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño”.

As actividades están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura. Son gratuítas para o público e están dirixidas a un público amplo e diverso, abranguendo non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela: haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.

Actividades

Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura -que desenvolverá a iniciativa-, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de fins de semana consecutivos entre o 12 de setembro e o 4 de outubro.

Para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra da Guarda.

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos poden realizarse na páxina web da Deputación (depo.gal) e as prazas cubriranse por orden de chegada. As incricións para as actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).

Está pasando!