A International Ballet Company de Moldavia representará ‘A Bela Durminte’ o 6 de maio en Vilagarcía

21 Abril 2022

  • A danza clásica regresa en maio a Vilagarcía cun dos ballets máis representados en todo o mundo, ‘A Bela durminte’, e coa música do xenial compositor ruso Chaikovsky
  • A International Ballet Company de Moldavia será a encargada de poñer en escena a coreografía deste conto de fadas o día 6 de maio, a partir das 21.00 horas, no Auditorio Municipal
  • As entradas xa se poden adquirir de forma anticipada a través de Ataquilla.com ao prezo de 25 euros (máis gastos de xestión)

A Internacional Ballet Company é unha compañía de danza clásica creada polos premiados e aclamados solistas moldavos, Cristina e Alexei Terentiev, e integrada por bailaríns de Moldavia e Italia entre outros países. O traballo e esforzo dedicados durante moito tempo fixeron que este proxecto culmine nunha compañía que destaca pola depurada técnica dos seus bailaríns a da excelente interpretación das coreografías que poñen en escena.

Neste caso, a compañía internacional opta por ‘A Bela Durminte’ un ballet baseado no conto clásico de Charles Perrault e na versión dos irmáns Grimm, trasladadas a libreto por Iván Vsévolozhsky e Marius Petipa, maxistralmente musicado por Chaikovsky e cuxa corepgrafía orixinal asinou o propio Petipa.

Entradas anticipadas á venda ao prezo de 25 euros (máis gastos de xestión) en Ataquilla.com

Sinopse

A historia desenvólvese na corte do Rei Florestan, onde vai celebrarse o bautizo da princesa Aurora (interpretada pola baliarina solista Cristina Terentiev). A tan alegre evento foron invitadas Lila e outras fadas, con excepción da Fada Carabosse, a quen Cantalabutte, o mestre de cerimonias esqueceu mandar o convite. Indignada, Carabosse preséntase na festa e lanza un feitizo maléfico: “Cando a princesa cumpra 16 anos, pincharase coa agulla dunha fiadeira e durmirá durante 100 anos”.

Transcorridos os anos, e mailas precaucións adoptadas na corte para evitalo, o maleficio faise realidade e a princesa Aurora entra nun longo sono que só se logrará romper cando, coa intervención da fada Lila, o príncipe Desiré dálle un bico de amor verdadeiro a Aurora.

A historia remata como empezou, cunha gran celebración, neste caso para celebrar a voda entre Aurora e Desiré, en cuxos festexos bailarán personaxes de coñecidos contos.

Está pasando!