A karateca Ruth Lorenzo inaugura esta tarde os Faladoiros Feministas, analizando a situación das mulleres no deporte, estereotipos e atrancos

26 Marzo 2025

  • O encontro terá lugar na sala multiusos do Teatro Principal o mércores 26 de marzo, ás 19.00 horas, con entrada libre ata completar cabida
  • Os Faladoiros – promovidos pola Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra – mirarán con lentes violetas o mundo do deporte, da política e da cultura

A karateca Ruth Lorenzo Couso inaugurará o mércores 26 de marzo os Faladoiros Feministas, actividade que promove a Concellaría de Igualdade no marco da programación do Concello de Pontevedra vencellada ao 8 de Marzo, que xira ao redor do lema ‘O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti’.

Os Faladoiros Feministas, explica a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, abordarán a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos.

A palestra de Ruth Alonso, ao igual que todos os faladoiros, terá lugar na sala multiusos do Teatro Principal de Pontevedra, ás 19.00 horas.

Ruth Lorenzo falará da súa experiencia como karateca, dos estereotipos no mundo do deporte, dos atrancos que atopan as deportistas polo feito de ser mulleres, da sororidade das atletas… Xunto a ela, como moderadora, estará a redactora deportiva Lara Saéz Vilas.

Na actualidade Ruth Lorenzo é a número 1 do Ránking Nacional Absoluto da Real Federación Española de Karate en kumite senior fem. -55 kg e Número 51 no Ránking Internacional da Word Karate Federation en kumite senior -55kg – falará da situación.

Anabel Gulías anima a asistir ao encontro, que ten acceso libre, convencida de que «paga a pena escoitar a Ruth, unha muller que loita non só no tatami, senón tamén na sociedade».

Haberá que agardar unha semana para asistir ao segundo Faladoiro Feminista. Será o martes 1 de abril, e abordará o tándem feminismo e política coas parlamentarias autonómicas Paloma Castro (PSOE), Olalla Rodil (BNG) e Raquel Arias (PP). Modera a xornalista María Varela.


Está pasando!