Manuel Bragado, Demetrio Gómez e Luz Gallego ‘Nenuca’ | Concello de Pontevedra

A libreira e mediadora Luz Gallego ‘Nenuca’, da Libraría Seijas e o editor Manuel Bragado serán homenaxeados no Salón do Libro 2026

30 Xaneiro 2026

  • ‘Nenuca’ formou parte do equipo que organizou as primeiras edicións do Salón do Libro, do que nunca se desvinculou e representa as libreiras de barrio, mediadoras que fan recomendacións con criterio e personalizadas.
  • Pola súa parte, Manuel Bragado, editor de figuras como Fina Casalderrey, Fernández Paz ou Ledicia Costas, vén de coñecer esta madrugada que o seu único libro de literatura infantil, ‘Dona Carme’, é un dos 20 premiados pola Fundación Cuatrogatos de Miami.
  • Ambos recibirán unha homenaxe o día 21 de marzo dentro do Salón do Libro.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou as figuras do mundo do libro infantil que serán homenaxeadas no Salón do Libro 2026 que celebrará a súa edición número 27 entre o 6 e o 22 de marzo.

“Quedan 27 días para que bote a andar o Salón e a maquinaria está a tope. Durante moito tempo homenaxeamos escritoras e escritores pero hai uns anos abrimos a porta á ilustración ou a tradución porque entendemos que o libro é moito máis. Hai toda unha cadea de traballo que probablemente comece nas editoriais e remate nas librarías, e por iso temos a Luz Gallego ‘Nenuca’, que é como a coñecemos todos, que en Pontevedra é unha referencia.

Nela premiamos moitísimas cousas: transformou xunto a Tito unha libraría casé técnica nunha libraría de referencia. Homenaxeamos nela as librarías que barrio, que poden escoller por nós, que son quen de escolmar entre unha morea de libros e fan ese traballo con criterio. Pero tamén á persoa que escribiu no Diario de Pontevedra, organizou feiras do libro e colaboru no Salón desde o primeiro día sempre con xenerosidade, que nunca deixo de formarse e aínda está na universidade, é un exemplo para todas e todos nós.

No outro extremo da cadea, ao comezo de todo, está a figura do editor, Manuel Bragado, que neste caso é moitísimas cousas. É case imposíbel resumir o que este home leva feito como editor, como mestre implicado nos movementos de renovación pedagóxica ou incluso como activista cultural coordinando multitude de proxectos. Pero como editor, si quero dar o nome de catro autores e autoras dos que foi editor para ver a importancia que ten na literatura xuvenil: Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Ledicia Costas. É unha figura capital na literatura galega e por iso queremos homenaxeala”.

Antes de dar a palabra aos homenaxeados, o edil quixo dar unha primicia sobre Manuel Bragado, coñecida hai apenas unas horas: “só publicou un libro de literatura infantil que é ‘Dona Carme’ (Triqueta editores) e esta noite, publicáronse os 20 libros que gañaron o premio da Fundación Cuatrogatos que está en Miami. Para que vos fagades unha idea do premio, presentáronse este ano 1602 proxectos de 201 editoriais de 16 países e entre os 20 premiados, está ‘Dona Carme’. Parabéns inmensos a Manuel e tamén a dúas editoras de Pontevedra, Kalandraka e Pepa Loba, que tamén teñen libros entre os premiados. Orgullo inmenso da nosa literatura”.

Luz Gallego logo de felicitar a Bragrado, apuntou na súa intervención que “hoxe é día de agradecer ao Concello, a Demetreio polas súas agarimosas palabras e por suposto ao Salón do Libro. A nosa libraría foi mudando cara a especialización en literatura infantil e xuvenil e o Salón foi a nosa casa tamén. Entramos a traballar no Salón e no equipo da organización, que nos tiñamos reunións cada dous meses durante todo o ano para preparar o seguinte Salón. Foi todo un luxo facer parte con ese equipo fenomenal de xente. Vémonos no Salón!”.

Bragado citou ao escritor portugués Miguel Torga no seu agradecemento porque “é obriga de quen é homenaxeado poñerse a traballar nas filas de quen o homenaxea. Hoxe correspóndeme agradecer este recoñecemento que o Concello de Pontevedra e Salón do Libro teñen comigo e expreso o compromiso de apoialos, coma sempre o fixen, nestre proxecto do Salón e nun proxecto máis ambicioso que creo que o Concello pode acuñar que é converterse nunha das Cidades do Libro e da Lectura do mundo. É unha das posibilidades que abre a Unesco co programa Cidades Creativas.

Sería ven merecido por Pontevedra, que ten o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de referencia en España, igual que a feira do libro para crianzas de Bolonia. Pontevedra é unha cidade amábel coa lectura, unha cidade de librarías, e é unha honra acompañar a ‘Nenuca’ e á Libraría Seijas das que sempre terei asociado a figura de María Victoria Moreno.

Sobre o recoñecemento do ‘Cuatrogatos’ que acabo de coñecer, o meu amigo Agustín Fernández Paz tiña moita fe no premio de Miami e é como unha providencia laica a posibilidade de en ‘Dona Carme’ cobre vida. É un libro que nace unas miñas libretas de mestre ala polo ano 1985 e formou parte da colección ‘O parrulo’ de Ir indo Edicións ilustrado por Pepe Carreiro e tiven a fortuna o ano pasado de que con motivo do Hematofesti, se reeditara e cobrara nova vida coas ilustracións de Ivan R. e tivera a fortuna de estrear no Salón aquela edición de ‘Triqueta’ que hoxe é recoñecida. Por iso Pontevedra sempre estará nos meus afáns e nas miñas gratitudes” remataba.

Está pasando!