Presentación da X Milla Solidaria Anedia | © Concello de Pontevedra

A milla solidaria de Anedia para visibilizar a diabetes chega á súa décima edición e agarda a participación de máis de 500 persoas

8 Novembro 2023

A edil de Deportes do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, a presidenta de Anedia, María José Rego, e o presidente do club Rías Baixas, Gonzalo Méndez, fixeron fincapé na importancia de seguir aprendendo e traballando ao redor desta doenza no día a día


A edil de Deportes, Anabel Gulías, presentou este mércores a X Milla Solidaria Anedia. Trátase dun evento organizado pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) en colaboración co Club de Atletismo Rías Baixas e o Concello de Pontevedra.

A cita deportiva e solidaria desenvolvera ao longo do domingo, 12 de novembro, nas pistas do CGTD de Pontevedra, agardando unha participación de máis de medio milleiro de persoas. A inscrición aínda está aberta en www.carreirasgalegas.com.

«Esta é unha proba que conxuga moitas facetas distintas ao falar de diabetes e falar de deporte»,indicou a edil. «É moi agradábel ver como dúas asociacións como Anedia e o Club Rías Baixas hibridan e poñen sobre a mesa cuestións básicas, visibilizando unha doenza que se ben é coñecida temos que seguir aprendendo e entendéndoa».



Na presentación tamén estiveron presentes a presidenta de Anedia, María José Rego, e o presidente do club Rías Baixas, Gonzalo Méndez, lembrándolles a concelleira pontevedresa que sempre acharán no Concello un aliado á hora de poñer e levar a cabo este tivo de eventos dentro da cidade e outras apostas solidarias e deportivas.

Así, María José Rego agradeceulle ao Concello a súa implicación, lembrando tamén que a diabetes continúa a ser «unha gran descoñecida, tal e como demostra a realidade e o día a día». A presidenta subliñou a importancia de acadar o décimo aniversario da marcha, explicando que a nomeada doenza ten consecuencias en todos os eidos da vida, tanto a doentes como familiares. Por último, Gonzalo Méndez lembrou que este ano, por mor das obras do IES Valle-Inclán, a proba realizarase no CGTD e non en Montero Ríos, espazo habitual para o desenvolvemento da mesma.

«Na parte técnica estamos abraiados, pois temos máis de 500 inscritos e inscritas entre federados e populares, habendo nenos e nenas de toda Galiza», explicou. «É unha edición moi importante, cunha gran presenza de cativos e cativas, mais tamén teremos o debut de Gustavo Dacal no lanzamento de xavelina adaptada».

Está pasando!