A nova cita do mercado de venda e troco ‘Segundo Premio’ terá como espazo a Pasarela de Xosé Adrio Barreiro

13 Abril 2026

  • A Pasarela de Xosé Adrio Barreiro será o espazo escollido para esta cita, que se celebrará o vindeiro 18 de abril entre as 11.00 e as 15.00 horas
  • Toda persoa interesada en participar pode solicitalo a través do enderezo electrónico apederua@gmail.com

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, pon en marcha unha nova edición do mercado de segundas oportunidades ‘Segundo Premio’. Esta iniciativa, que gozou de grande éxito entre a veciñanza en pasadas ocasións, terá como espazo a Pasarela de Xosé Adrio Barreiro, o vindeiro 18 de abril, entre as 11:00 e as 15:00 horas.

Segundo Premio’ preséntase non só como un evento para darlle unha segunda vida a eses obxectos que a veciñanza xa non quere nos seus fogares, senón que tamén se concibe como unha xornada de convivencia para os barrios, promovendo a responsabilidade co medio ambiente, promocionando o comercio de segunda man, os negocios de reparación ou a recuperación de produtos.

«Temos previsto que haxa música, xogos para as crianzas e moitísimas sorpresas ao longo da mañá», explica a concelleira Anabel Gulías. «Aínda que xa temos 30 postos confirmados aínda hai postos para formar parte desta cita».

Toda persoa interesada en participar pode solicitalo a través do enderezo electrónico apederua@gmail.com.

Está pasando!