A nova edición do ciclo Ponteatro, normalmente celebrado durante o segundo semestre, comezará o 25 de febreiro

11 Xaneiro 2021

Os 3 espectáculos escollidos a través da Rede Galega de Teatro en colaboración coa AGADIC, terán lugar o 25 de febreiro, 11 de marzo e 20 de maio no Teatro Principal de Pontevedra ás 21:00 h. Os mesmos completarán a programación dos Domingos do Principal e Salón do Libro, así como a musical que se presentará máis adiante.

A nova edición do ciclo Ponteatro, normalmente celebrado durante o 2º semestre, comezará o 25 de febreiro cunha estrea, “Comando comadres” de Matrioshka Teatro, escrita pola polifacética e recentemente recoñecida co premio María Victoria Moreno, Lorena Conde. Unha peza en clave de humor que convida á reflexionar sobre o patriarcado.

Seguirá o 11 de marzo, con temática feminista tamén porque nunca é abondo nestes tempos pero resulta tamén acaído pola data con “Feminíssimas” de De Ste Xeito Producións, de Esther F. Carrodeguas. Unha comedia negra chea de risas pero tamén de reflexión”.

O terceiro, e último dos espectáculos terá lugar o 20 de maio con “O mozo da última fila” de Redrum Teatro e unha adaptación feita polo tamén director, Alex Sampayo, do texto de Juan Mayorga, representado en todo o mundo e sempre de xeito exitoso. Redrum é unha garantía do resultado e vai ser do agrado do público”.

As tres funcións levaranse a cabo segundo os aforos vixentes, de 98 persoas no Teatro Principal, para cumprir coas normas.

Entradas á venda en Ataquilla.com a un prezo único de 8,00 € (4,00 € para Carné Xove, desempregados/as e maiores de 65 anos) e de non esgotarse na billeteira física de 19:00 a 20:00 h. Por mor do protocolo COVID a billeteira ten que pechar unha ahora antes do inicio do espectáculo.


PROGRAMACIÓN PONTEATRO 2021


Xoves 25 de febreiro

“Comando comadres” de Matrioshka Teatro

Unha das primeiras representacións desta peza, representarase por primeira vez a semana anterior na Estrada, escrita pola polifacética Lorena Conde, que recentemente gañou o premio María Victoria Moreno e dirixida por Gena Baamonde conta no seu elenco con Chelo Rejo, Anabel Gago e a propia Lorena Conde.

Un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de artivistas organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais.

A peza está composta por cinco comandos de temáticas diferentes;

COMANDO MEIGAS céntrase na demonización das mulleres que non encaixamos no modelo patriarcal.

COMANDO SIÑAS fálanos da invisibilización das mulleres de certa idade que xa non cumprimos as expectativas reprodutivas do patriarcado.

COMANDO SACHO afiánzase na sabedoría e na fortaleza das mulleres lonxe dos estereotipos de seres débiles ou vítimas.

COMANDO RETRANCA expón con humor as falacias que durante séculos se teñen dito das mulleres.

COMANDO CATAPLASMA reivindica o saber ancestral das mulleres en conexión coa terra e os ecosistemas saudables, o coñecemento e uso das plantas e os procesos de acompañamento e coidados.


Xoves 11 de marzo

“Feminíssimas” de De Ste Xeito Producións

Esta peza de Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xabier Castiñeira conta no seu elenco con Stephy Llaryora (Ruka), Esther F. Carrodeguas (Gabi) e Noelia Blanco (Bea).

Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

Esta é a base de Feminíssimas, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas.

Unha maneira –tamén- de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria.

Un espazo –ademáis- para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.

En resumo: unha comedia negra… moi violeta.


Xoves 20 de maio

“O mozo da última fila” de Redrum Teatro

Unha adaptación da obra de Juan Mayorga levada a cabo por Álex Sampayo, que tamén dirixe. Moi exitosa no seu percorrido pese á pandemia, conta no seu elenco co pontevedrés Guillermo Carbajo e Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rúben Porto.

Claudio é un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que

Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector. Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.

Desde a súa estrea en 2006, “O mozo da última fila” leva 26 producións por todo o mundo e foi adaptada ao cinema por François Ozon, con guión do propio Mayorga e co título “Dans la maison”, Concha de Ouro no Festival de San Sebastián en 2012. A obra foi escollida en 2018 dentro do plan de fomento á lectura en varios institutos de secundaria.

Está pasando!