Anabel Gulías na presentación da novena edición de Etiqueta Negra | Concello de Pontevedra

A novena edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, celebrarase en novembro no Recinto Feiral de Pontevedra

17 Outubro 2025

Etiqueta Negra 2025 reunirá en novembro un cento de expositores e presentará vinte novidades gourmet no Recinto Feiral de Pontevedra


A novena edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, celebrarase os días 8, 9 e 10 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra, consolidándose como o grande escaparate do produto galego de alta gama.

O encontro reunirá un cento de expositores –dos que dezaseis participarán por primeira vez– e presentará máis de vinte novidades que reflicten o dinamismo e a capacidade innovadora dun sector en expansión.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou o compromiso do evento coa calidade e a orixe, subliñando que é a única destas características na rexión. Declarou: “Este ano queremos facer fincapé na verdadeira natureza desta feira ou deste encontro. Estamos comprometidas responsábeis co noso, queremos seguir mantendo ese listón ben alto e manter viva a orixe e a esencia da feira”.

Gulías engade, ademais, de forma categórica, que é “a única feira de Galiza na que se traballa con produtos de primeira calidade”. A razón principal de conservar esta orixe é que o que se quere “poñer en valor é a absoluta calidade dos produtos do sector primario no noso país, pero tamén nos procesos de innovación sobre os alimentos”.

A menos dun mes do inicio, a feira case ten ocupado o 100% da súa superficie, unha mostra evidente da forte vinculación do sector con este encontro profesional que medra edición tras edición. Nestes momentos, o 28% dos expositores procede da provincia da Coruña, o 35% da de Pontevedra, o 22% da de Ourense e o 15% da de Lugo, unha distribución que reflicte a presenza equilibrada de todo o territorio galego neste evento.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

As 16 novas empresas participantes son: Cacahuetes artesáns; Conservas Artesanas Gallegas; Mamá Teresa, con doces elaborados de xeito artesanal; Morriñas de Castaña, especializada en galletas de castaña; Oxóco, con chocolates artesanais con sabor galego; Lácteos Bretón e Queixería Daniberto, dedicadas á fabricación de queixos frescos e curados; Toulo, centrada na elaboración cárnica; Néboa na ría, creadora de obxectos de madeira para restauración e gastronomía; as adegas Viña Carpazal e Paco&Lola; El Nogal e Casa Merche, nos sectores de froitos secos e apicultura; Tupana Obrador, con produtos de panadaría galega; Avigal, coa súa gama de polos criados en liberdade con alimentación natural; Ke Tequeños, dedicada aos tequeños artesáns gourmet; e Conservas Lago Paganini, especializada en conservas artesanais galegas.

Como en anteriores edicións, a Tetería da Deputación de Pontevedra regresará co seu espazo dedicado a difundir as bondades da súa marca TéAreeiro. Tamén participará a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), e a Consellería do Mar, que se incorpora por primeira vez, contará cun espazo propio xunto aos produtores Algas La Patrona, Conservas Artesanas Gallegas, Contrabando da Ría, Lago Paganini, Mareterra e Pepa a Loba, reforzando a presenza dos produtos mariños galegos.

Baixo o lema “Compartindo o noso”, esta edición de Etiqueta Negra convida a descubrir a riqueza gastronómica galega, onde tradición, innovación e calidade se dan a man.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

NOVIDADES DESTACADAS

Entre as novas propostas, Adega Buezas presentará un espumoso chamado a sorprender polo seu carácter fresco e diferenciador. No ámbito doce, Doziños lanzará un novo caramelo, mentres que Oxóco levará ao público turróns e bombóns elaborados artesanalmente. Martietas de Fío apostará por dous sabores especiais, limón e vainilla, e o universo da castaña tamén se reinventa grazas a Morriñas da Castaña, que ofrecerá novos sabores inspirados neste froito tan galego.

No sector cárnico e dos embutidos, Cienporcel mostrará a súa txistorra de porco celta, unha salchicha fresca e un paté de trufa; Casa da Avoa sorprenderá cun chourizo aromatizado con viño Albariño especialmente pensado para a campaña de Nadal; Toulo, alquimia cárnica, traerá embutidos tradicionais reinterpretados con propostas innovadoras; Jamones González ampliará a súa gama cun raxo e uns taquiños de lacón en formatos máis versátiles; e Avigal dará a coñecer o seu polo Pío Campero, centrado en tradición, benestar animal e sabor auténtico.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

En canto ás conservas, Conservas Artesanas Gallegas presentará mexillón en aceite de oliva, allo e chile, mentres que Calabizo amosará o seu novo untable de pemento de piquillo para o público que busca alternativas sen ingredientes de orixe animal. Trasdeza Natur traerá unhas innovadoras láminas de froitas, ideadas como snack saudable; Ke Tequeños ofrecerá a súa versión galega deste aperitivo venezolano; e Lorri incorporará un pan raiado con novos sabores no ámbito da alimentación funcional.

No mundo do viño, Pura Vila mostrará o seu tostado natural, que marida perfectamente cos seus doces artesanais, e a adega Paco&Lola dará un paso máis na súa aposta pola vangarda co lanzamento do innovador iWine nº 0, unha proposta que promete chamar a atención polo seu carácter disruptivo, “para romper o xeo”.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

Adozando a mesa de Nadal, Quinteiro Doce achegará unha nova colección festiva de doces; El Nogal presentará unha nova versión da améndoa marcona tradicional cun toque de limón e canela, e Cacahuetes artesáns introducirá un pistacho tostado con leña, unha proposta distinta para este clásico aperitivo.

Estas novidades súmanse ás múltiples referencias consolidadas que estarán na feira: viños, licores, cervexas, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, salsas, aderezos e unha infinidade de delicias escollidas pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a súa máxima calidade.

Etiqueta Negra 2024 | Feira Etiqueta Negra

ACTIVIDADES E PROGRAMACIÓN

A Zona de Catas ofrecerá unha programación continua con degustacións e presentacións de moitas destas novidades, ademais doutras catas que permitirán descubrir a diversidade e a excelencia dos sabores galegos. A feira incluirá un cento de actividades paralelas, entre as que haberá demostracións de cociña en directo, degustacións, catas comentadas…

O programa completo de actividades será presentado nos próximos días.

Etiqueta Negra é a única feira en Galicia dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos e serve como punto de encontro entre produtores, distribuidores, restauradores e consumidores. Conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e o apoio de Estrella Galicia e Cabreiroá como auga oficial, a Consellería do Mar, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Froiz e Gadis, así como a colaboración do CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporales e Labauh Factory.

A feira abrirá as súas portas o sábado e domingo de once da mañá a nove da noite, e o luns de once da mañá a sete da tarde.

O prezo da entrada será de tres euros por día ou cinco euros polo abono das tres xornadas. O recinto contará cunha zona gastronómica e foodtrucks para completar a experiencia do público visitante.

Está pasando!