A novena edición do ciclo de concertos matutinos ‘Achégate ao Salón!’ contará coas actuacións de Merino, Repion e Gala i Ovidio

13 Xaneiro 2026

  • A actividade lúdica e cultural non ten parada en Vilagarcía. Un día despois de pecharse a programación do Nadalízate, o Concello presentou a nova edición do ‘Achégate ao Salón!’, un dos eventos integrados baixo a marca VGA 365.
  • A novena edición dos concertos matutinos a desenvolver no Salón García contará coas actuacións de Merino, Repion e Gala i Ovidio, un cartel que segue a liña marcada dende a Concellería de Cultura desde os inicios do ciclo, apostando pola música independente e polas bandas emerxentes que despuntan, con especial atención aos artistas galegos e ás creadoras femininas.

O ‘Achégate ao Salón!’ desenvolverase entre febreiro e abril, cun concerto por mes. Todos eles a mediodía, ás 12:30 horas, e en domingo.

O ciclo deste ano abrirao a banda madrileña Merino, o 8 de febreiro; seguiralle o dúo feminino Repion, o 29 de marzo; e pecharano o 26 de abril Gala i Ovidio, o novo proxecto emprendido pola Tanxugueira Aida Tarrío co produtor Raül Refree.

Sonia Outón e Alberto Varela na presentación do ‘Achégate ao Salón!’ | Concello de Vilagarcía

Voces femininas

A edil de Cultura, Sonia Outón, destacou as prodixiosas voces femininas que ten o cartel deste ano e a coincidencia de ser propostas que recuperan e actualizan a tradición dun xeito innovador. “Trátase de tres proxectos musicais que están tendo unha excelente acollida de público nos concertos e nos festivais nos que participan e que aquí, en Vilagarcía, teremos a sorte de poder ver e escoitar nun formato íntimo, onde o público, apenas 250 persoas, están moi cerca dos artistas, e ademais neste privilexiado e fermoso recinto que é o Salón García”.

O alcalde, Alberto Varela, puxo de relevo o acerto que tivo a concelleira de Cultura cando en 2016 puxo en marcha a innovadora fórmula dos concertos matutinos co obxectivo de potenciar proxectos musicais e ampliar a oferta lúdica, pero tamén para atraer público á vila, dinamizar as xornadas dos domingos en inverno e abrir os concertos a un público familiar. “Todo un éxito que fixo que este ciclo estea xa totalmente consolidado na programación anual da cidade e que logo copiaron outros moitos municipios”.

O rexedor lembrou que o ‘Achégate ao Salón’” non é máis que o inicio dunha nova temporada cultural que non terá parada en Vilagarcía, xa que ademais da programación do Auditorio, de seguido continuará co Entroido e logo co ‘Ágora Vermú!’.

Venta de abonos en Ataquilla.com

Os abonos para asistir as tres actuacións estarán á venda en Ataquilla.com ata o 31 de xaneiro. O prezo do de adultos é de 25 euros, e o de menores de 16 anos e persoas desempregadas, de 15 euros. En todos os casos aplícanse os gastos de xestión.

De non esgotarse os abonos, a partir do 2 de febreiro poranse á venda as entradas individuais para cada un dos concertos, tamén a través de Ataquilla. Os billetes para adultos custarán 12 euros, e os de menores de 16 anos e desempregados, 6 euros, tamén máis a taxa de xestión.

Merino

Sandra Merino (compositora, guitarrista e cantante) e Alex Gallego (batería e deseño de show) compoñen o este dúo que, coa voz cativadora de Sandra e o estilo fresco e versátil dos seus temas, está a conquistar ao público máis diverso.

De tocar nas rúas nos seus inicios en 2019, Merino pasou a encher salas e festivais con carismáticas composicións e cunha espectacular posta en escena.

Repion

Teresa (batería e voz) e Mariña (guitarra e voz) son irmáns e as integrantes deste poderoso dúo que, ademais de compoñer cancións marabillosas, destaca por ser un prodixio técnico vogal e instrumental.

O seu disco ‘201’ conecta a intensidade emocional e a enerxía coa súas orixes cántabras en temas de estilo pop-rock.

Gala i Ovidio

Aída Tarrío e Raül Refree considéranse almas xemelgas e por iso, para este proxecto musical, adoptaron o nome dos fillos xemelgos de Rosalía de Castro: Gala i Ovidio.

O dúo preséntase con ‘Un final que parece un principio’, un cancioneiro escrito a catro mans que reúne electrónica e lírica pop, experimentación e sutileza, unha instrumentación complexa e salvaxe ao mesmo tempo que acompaña e acariña a unha voz que é única.

Está pasando!