Presentación da noveda edición do LGx15 | © Concello de Pontevedra

A novena edición do LGx15 traerá ao Teatro Principal de Pontevedra ideas e propostas de futuro para a lingua galega

13 Outubro 2023

  • Nesta cita participarán Paco Veiga, Carlos Airas, Magdalena Sánchez, Kiko da Silva, Fran da Lobeira e Neves Rodríguez, quen ademais conducirá o evento. Contará tamén coa actuación musical de Xiao Berlai
  • Esta iniciativa da CTNL procura compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra

O concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez, presentou este mércores a novena edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua, cita que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 28 de outubro, a partir das 19.00 horas.

O LGx15 confígurase como un evento que xunta diversas charlas breves, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma galego, a través tamén da música e humor.

As persoas convidadas á novena edición do LGx15 son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para falarnos da situación lingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen nos relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen nos fará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen nos explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen nos fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube).



Conducirá o evento a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén nos explicará as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua. E contaremos coa actuación musical de Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.

Demetrio Gómez explicou que o comezo do outono traerá até Pontevedra unha voráxine de actividades, entre as cales figurará tamén este espazo para a reflexión, «non como un elemento aburrido ou lento, senón todo o contrario, tal e como se demostrará no Principal». «Trátase dunha cita amena, case un espectáculo, no que reflexionar e escoitar as ideas e os pensamentos que os convidados teñen que aportar, traendo tamén experiencias persoais divertidas e curiosas», indicou o edil pontevedrés.

O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada (no web do LGx15, en Eventbrite) e na Libraría Paz) e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles.

Está pasando!