A obra de teatro ‘As que limpan’ chega ata A Guarda da man do programa ‘Tornar as Táboas’ da Deputación de Pontevedra

17 Novembro 2022

O vindeiro xoves 24 de novembro chegará ata A Guarda a que é sen dúbida a obra da temporada: ‘As que limpan’, última proposta da compañía A Panadaría.

Esta función aborda a loita das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos, nun mundo, o das cadeas hoteleiras e o do turismo que se impón no século XXI como modelo do desenvolvemento económico. A obra por tanto fai repensarse as relacións laborais, o reparto da riqueza e o funcionamento dun sistema avaricioso e inxusto. Así mesmo fai repensar non só a loita de clase senón tamén a loita de xénero nunha sociedade na que a muller segue asumindo o rol dos coidados, tan importante e tan menosprezado e tan silenciado. É por isto que a obra se representará o xoves 24 de novembro, na véspera do Día Internacional contra violencia machista, para evidenciar unha nova forma de discriminación sobre a muller.

A produción que contou coa colaboración do Centro Dramático Nacional está a ser todo un éxito, percorrendo non só a xeografía galega senón tamén a española. E é que a compañía composta por Areta, Ailén e Noelia conseguiu erixirse en todo un referente polo seu particular modo de facer teatro, mesturando o humor e a reivindicación dun xeito moi persoal e característico.

Na Guarda son vellas coñecidas pois xa estiveron coa súa primeira representación ‘Pan! Pan!’ e posteriormente con ‘Elisa e Marcela’. Desta volta acuden ata a Guarda grazas ao ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra ‘Tornar as Táboas’.

Para acudir á representación é preciso retirar as entradas previamente dende o día 17 de novembro ás 09:00 horas. Poderán retirarse de forma presencial na recepción do Concello da Guarda en horario de 09 a 14:00 horas, ou vía online.


Está pasando!