Alfonso Míguez, da Comparsa Tío Emilio, con Digna Rivas e Rita Pérez Táboas | Concello de Redondela

A orquestra París de Noia abre o Entroido de Redondela que contará con catro días de festa

13 Febreiro 2025

  • As celebraciós comezarán o 1 de marzo con actividades na Alameda Castelao e a actuación da orquestra París de Noia no Campo da Feira a partir das 22:00 horas
  • O Martes de Entroido a programación inclúe concurso de disfraces, actuacións musicais e a queima do Meco
  • En Chapela o Entroido celebrarase o sábado 8 de marzo

O sábado 1 de marzo comezan as celebracións do Entroido en Redondela. A rapazada será a protagonista desta xornada co Entroido Infantil e Xuvenil con obradoiros na Alameda de Castelao entre as 17.00 e as 19.30 horas.

A Praza da Constitución acollerá o espectáculo do Mago Noel ás 17.30 horas, co show “Que curioso!”, un espectáculo de maxia moi participativo e colorido.

A música correrá a cargo do grupo The Turre´s Band cun animado pasarrúas polo centro da vila desde as 18.30 horas. A partir das 22.00 horas o Entroido deste 2025 repetirá a festa do sábado noite no campo da feira. Nesta ocasión será a orquestra París de Noia a encargada de poñer o ritmo a unha xornada chea de baile e diversión.

“Será un gran comezo do Entroido para animar á veciñanza nunhas festas que son unha tradición en Redondela, onde se vive esta celebración dun xeito moi especial”, sinala a concelleira de Cultura Rita Pérez.



O día 2 de marzo, domingo de Entroido, ás 17.00 horas terá lugar a concentración das comparsas no Campo da Feira. Ás 18.00 fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a tradicional comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila. Ás 20.30 horas será a entrega de premios.

O día 4, Martes de Entroido, é un día grande en Redondela, coa participación de veciños e veciñas de todas as idades. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional nas festividades de Redondela “que reúne a grupos de amigos e familias completas con participantes de todas as idades que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello de Redondela poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”.

Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.

Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación da man da batucada de Latexo Percusión. O seu espectáculo de batucada mistura ritmos dos blocos afro brasileiros con outros universos musicais como o reggae, o funk ou a salsa.

Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco co espectáculo ‘Pachamama’ de Troula Animación. A festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música do grupo Hey Hematoma, que fará bailar aos público coas cancións de Siniestro Total na praza da Constitución.



ENTROIDO EN CHAPELA

O sábado día 18 celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas do alto da Encarnación. Ás 18.00 horas sairá o desfile acompañado polos percusionistas e tamborileiros de Aperta. Pecharán a comitiva os participantes do Enterro do Berete que fará o seu percorrido ata a praia de Arealoga.

A queima do Berete será ás 20.15 comezará. A xornada pecharase coa música da discoteca móbil que comezará a sesión ás 20.45 horas no paseo marítimo de Chapela.

O Concello prepara unha ampla programación ao longo de catro días para darlle “máis pulo aínda” a esta tradicional festa. “O Entroido de Verán de Redondela é moi coñecido, pero queremos que o Entroido de Inverno sexa tamén unha gran festa para todos”, apunta a concelleira Rita Pérez Táboas.

Está pasando!