A persoa que vai gañar o Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego aínda está a tempo de enviar o seu artigo

6 Xuño 2025

  • O prazo de recepción de candidaturas remata o 15 de xuño
  • A dotación do galardón é de 10.000 euros para o texto gañador e de 2.000 para cada un dos dous finalistas

En pouco máis dunha semana, o 15 de xuño, remata o prazo de recepción de artigos do XXI Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego. Poden concorrer artigos literarios ou de opinión escritos en galego e publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, vencellado a unha cabeceira recoñecida.

O Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego é, por traxectoria e dotación, un dos máis importantes de cantos promoven o xornalismo en Galicia. A persoa cuxo texto resulte vencedor recibirá un premio de 10.000 euros. Ademais, nesta edición créanse senllos premios para as persoas que resulten finalistas cunha dotación de 2.000 euros cada un.

As bases do premio, que poden ser consultadas ou descargadas en afundacion.org, establecen un límite de 1.200 palabras coma extensión máxima dos artigos que poden participar. Ademais, cada aspirante poderá presentar un só traballo. Para concorrer ao galardón, hai que cubrir o formulario en liña de presentación de candidaturas ao XXI Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.

O xurado estará formado por profesionais no campo xornalístico, literario e académico. Entre as persoas que gañaron este certame nos últimos anos podemos sinalar nomes tan importantes coma os de Manuel Bragado, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, María Varela, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Mar Mato, ou Diego Ameixeiras, quen se fixo coa máis recente edición.

As galas de entrega dos últimos anos e as entrevistas ás personas premiadas están dispoñibles en formato vídeo en Afundación TV.

O INSPIRADOR DO PREMIO

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor, xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política. Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial.

Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, na que residiu desde o ano 1940.

O Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa.

A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas.

Está pasando!