Samuel L. París | ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’

A poesía protagoniza a segunda xornada de ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’ con Andrea F. Maneiro, Samuel L. París e Clara Pino

11 Xuño 2025

A poesía será o xénero que protagonice ‘Uni-Versos’, a segunda xornada de ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’. Os autores galegos Andrea F. Maneiro, Samuel L. París e Clara Pino participarán nas ‘Conversas ao Solpor’, mentres que Xerardo Quintiá unirase a eles para firmar libros a partir das 19:00 horas.

O recital poético ‘Universo Machado’ fará unha homenaxe aos 150 anos do nacemento deste autor. Pola mañá, repetirase o ‘Literatour’ no parque Miguel Hernández, no que participan preto de 90 cativos de segundo e cuarto do C.E.I.P A Lomba.

Pola tarde, a feira volverá a abrir ás 18:00 horas, ao mesmo tempo que comezan as primeiras actividades. Por unha banda o ‘Universo Machado’, a cargo do que fora presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen inaugurará o recital. Tamén se imporá a insignia da Mesa das Verbas e de Socia de Honra da Mesa á escritora e académica galega Fina Casalderrey, que participará nas ‘Conversas ao Solpor’ o venres. A entrega contará co acompañamento musical da pianista e escritora Raquel Senín Sánchez.

Os cativos -menores de catro anos- poderán entreterse no ‘Recuncho dos contos’ da man de Xerardo Quitiá (18:00h), no que o autor crea todo un universo poético “á altura dos máis esixentes”.

Ás 19:00 horas, no escenario principal, representarase ‘Portugalego’, “unha experiencia sensorial única dentro dunha atmosfera máxica e emocionante” da man de Juan Carballo, na que falará das semellanzas entre os galegos e os lusos.

Firmas e ‘Conversas ao Solpor’

A esa mesma hora comezarán as firmas dos autores. Por unha banda, Andrea F. Maneiro (1964, O Carril), que no 2024 publicou un novo poemario, ‘Meridiano Orixe’, co que gañou o Certame Literario de Vilalba.

Por outra banda, Samuel L. París (1984, Muros), quen en febreiro deste ano publicou o libro ‘O tenro é o salvaxe’, con Editorial Galaxia. Uns meses máis tarde, en maio, lanza ‘Pifostio’, con Xerais, a súa primeira obra narrativa. Como curiosidade, Samuel foi baixista do grupo galego Terbutalina desde a súa formación ata 2017.

Tamén estará nas firmas Clara Pino (1972, Vigo). No ano 2022 publica o seu primeiro traballo, ‘Fenómeno Fan’, da man de Editorial Elvira. Este ano publicou ‘As trobadoras silenciadas’, no que Pino fai un percorrido íntimo por aqueles oficios desempeñados tradicionalmente por mulleres que foron o gran piar de moitos sectores da economía de Galicia.

Por último, Xerardo Quintiá (1970, Friol), coñecido por ser autor de obras infantís e xuvenís, entre as que destacan ‘O corazón dos paxaros’, ‘Un ferrado de terra’ ou ‘Obra inacabada de Dosinda Christensen’, entre outros.

Para rematar a xornada, a xornalista Susana Pedreira moderará as ‘Conversas ao Solpor’, a partir das 20:30 horas no escenario principal.

En caso de chuvia todas as actividades e casetas serán trasladadas ao recinto do Auditorio, como xa ocorreu o ano pasado.

Está pasando!