Presentación da II Romaría Lombos do Ulla | Concello de Vilagarcía de Arousa

A praia do Campanario, en Bamio, acollerá a II Romaría Lombos do Ulla, con música, teatro, poesía e unha visita guiada aos petróglifos dos Ballotes

24 Xullo 2025

  • A actividade celébrase o sábado 26 a partir das 13:00 horas, con entrada de balde.
  • A iniciativa naceu o ano pasado para poñer en valor este espazo natural, así como para reivindicar o coidado da ría.
  • “O cartel de actividades é impresionante, con moita variedade para contentar a todos os públicos, ademais de celebrarse nun entorno privilexiado”, apuntou o alcalde, Alberto Varela, durante a presentación do evento.

Detrás desta cita cultural están as asociacións ‘Galicia Fermosa’, ‘Mulleres Rurais de Bamio’ e ‘Aldea Global’, ademais do propio Concello de Vilagarcía.

“Temos que sentirnos especialmente orgullosos da colaboración e implicación dos veciños de Bamio, por poñer todo o seu esforzo en organizar actividades coma esta”, sinalou a concelleira de Cultura, Sonia Outón.

Para os organizadores, os lombos do Ulla “están moi maltratados e ameazados por moitas causas, a máis recente, a instalación da macro celulosa Altri en Lugo”, por iso organizan esta actividade para “defender o que temos de xeito respectuoso, a mellor forma que temos de protestar contra as inxustizas”.

Cada asistente deberá levar a súa propia comida, aínda que haberá unha pulpeira durante todo o día. “Ao tratarse dunha romaría, queremos animar a que xente traia os seus propios instrumentos e participe activamente na xornada”, apuntou Pablo Vidal, da asociación ‘Galicia Fermosa’.

A primeira actuación corre a cargo do grupo de gaitas de Bamio “A Queimada”; a continuación será a quenda de Antón Reixa, que levará a cabo un recital poético; tamén actuará “Aturuxo na Codeseira”, e o grupo “Otero e Romero” dende O Grove, que presenta ‘Enxebre’.

O compositor Magín Blanco estreará o seu espectáculo “Percorrido”, un repaso pola súa carreira musical.

O teatro infantil dos Quinquilláns entreterá aos máis pequenos cunha obra sobre a razón pola que a auga do mar é salgada.

Finalmente, tamén estará “Factoría de Subsistencia” e o grupo compostelán “Roberto Sobrado”, que cantará temas propios e versións.

A partir das 22:30 horas comezará a visita guiada aos petróglifos, que é completamente de balde e non é necesaria a inscrición previa. Os interesados deberán achegarse ao punto de quedada na praia cunha lanterna de pequenas dimensións, mesmo as incluídas no teléfono móbil xa son suficientes, segundo explican dende a organización.

Está pasando!