A praia do Muíño da Guarda acolle este sábado unha actividade medioambiental enmarcada no ‘Proxecto Libera’ da Deputación de Pontevedra

7 Xuño 2022

Dende o Concello da Guarda anímase á poboación guardesa a participar nesta actividade na que se recollerán residuos na Praia do Muíño, organizada pola Deputación de Pontevedra xunto con SEO/BirdLife este vindeiro sábado día 11 de xuño ás 10:00 da mañá e que terá unha duración aproximada dunhas 2 horas.

Nesta actividade poderán participar ata 20 persoas, acompañadas en todo momento por un monitor e para participar deberán cumprimentar o formulario web habilitado (é importante para poder facerlle un seguro por se houbese un accidente) na páxina da Deputación de Pontevedra.

O proxecto ‘Libera’ nace como unha iniciativa de SEO/BirdLife, a organización ambiental decana en España, en alianza con Ecoembes, organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases no noso país. Estas únense para loitar contra a basuraleza a través do coñecemento, a prevención e a participación. Desde a súa posta en marcha no ano 2017 ‘Libera’ mobilizou máis de 90.000 persoas e colaborou con máis de 1.500 organizacións e colectivos, e converteuse nun proxecto pioneiro que busca sensibilizar a todos os públicos. Como buque insignia creou ‘1 m2 pola natureza’, para mobilizar a todas as heroínas e heroes de ‘Libera’.

‘1 m2 pola natureza’ engloba varias campañas anuais convocadas por ‘Libera’ a nivel nacional, que teñen por obxectivo que todas as asociacións, heroínas, heroes, entidades, empresas e, en definitiva, todas as persoas concienciadas que queiran poidan unirse e tecer unha gran rede de colaboración para loitar unidas e unidos contra a basuraleza en centos de espazos naturais de toda España.

O obxectivo é liberar basuraleza destes espazos, pero tamén caracterizala mediante a aplicación dunha metodoloxía estandarizada e coa axuda de ferramentas de ciencia cidadá (aplicacións). A través delas pódese recompilar o maior número de datos posibles, rexistrados no ‘barómetro da basuraleza’. Esta información incorpórase ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para coñecer a cantidade, o volume e o tipo de lixo recollido nestas zonas.

Está pasando!