A praza da Ferraría acollerá un gran mercado de Nadal estas festas

2 Novembro 2023

O Concello ampliará o calendario de actividades previstas, creará unha campaña especial de apoio ao comercio local durante as festas e aproveitará mellor os espazos urbanos, ademais de ofrecer tamén unha programación descentralizada para barrios e parroquias


O Concello de Pontevedra unificará neste 2023 toda a programación de Nadal baixo un mesmo marco de actuación co obxectivo de optimizar o gasto público e abrir a porta a unha expansión no tempo das distintas actividades. Tal anuncio foi realizado esta mañá, na comisión de Benestar social e Cultura, celebrada nas dependencias municipais.

Os edís de Festas e Promoción económica, Demetrio Gómez e Anabel Gulías, adiantaron que neste Nadal tentarase aproveitar mellor os espazos urbanos nos que se desenvolven as actividades (a saber: Praza do Concello, Alameda, Praza da Ferraría, etcétera) ao mesmo tempo que se mantén unha programación descentralizada polos barrios e as parroquias do municipio.

Deste xeito, a praza da Ferraría acollerá un único e gran mercado de Nadal ao longo das festas do inverno, namentres o primeiro andar do Mercado contará con distintas actividades.

Doutra banda, Gómez e Gulías acordaron que se siga colaborando co tecido de comercio de proximidade a través da elaboración dunha campaña de promoción do comercio local específica para o Nadal, así como a futura sinatura de convenios de colaboración coas entidades representativas neste eido, como CCZM e AEMPE.

Está pasando!