Pedro Volta

A praza da Ferraría de Pontevedra acollerá unha semana adicada ao ilusionismo

23 Xullo 2021

O ciclo ‘Ponteilusión’ permitirá gozar dun espectáculo diario, ás 22:00 horas, na Praza da Ferraría, durante cinco días consecutivos, entre o sábado 24 de xullo e o mércores 28 de xullo.

Os espectáculos, de carácter gratuíto na súa totalidade, poden ser vistos por toda a familia e non se contemplan restricións de idade. Ademais, como en todas as actividades programadas polo Concello de Pontevedra, seguirase o protocolo sanitario establecido polas Administracións na procura dunha cultura segura. A programación é a seguinte:

· Sábado 24: ‘A maxia de Dani Polo’ (Dani Polo) – O mozo mago galego traerá un espectáculo trepidante e áxil, onde todo é posíbel sobre o escenario.

· Domingo 25: ‘Ilusionante’ (Pedro Volta) – O ilusionista pontevedrés achega un espectáculo de maxia para toda a familia onde Pedro Volta conecta durante 80 minutos cos soños e a fantasía da infancia dos espectadores. Nesta xira incorpóranse novos números espectaculares de escapismo, a súa especialidade.

· Luns 26: ‘The Magicians’ (Arkadio e Solange Kardinaly) – A coordinación entre Arkadio José e Solange Kardinaly é unha unión máis que efectiva e divertida. A parella de artistas traerá até a Boa Vila o seu novo espectáculo conxunto.

· Martes 27: ‘Alquimia’ (Mago Teto) – Logo de varios anos estudando, experimentando e intentando descifrar a estraña simboloxía dos libros sobre alquimia, o Mago Teto busca a pedra filosofal; non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón: a felicidade! A do público e a felicidade de seu.

· Mércores 28: ‘Francois Lafayette. Le Cirque’ (Mago Cayetano Lledó) – Maxia e humor aparecen combinados a través das liñas do teatro clásico e as correntes actuais, mais cun enfoque innovador e característico que outorga Cayetano Lledó. O circo agarda!

Está pasando!