A Praza de España recupera o espírito de San Patricio na súa data habitual con máis gañas que nunca para celebrar e brindar pola fin destes anos de pandemia

16 Marzo 2022

  • O X Festival Galaico-Irlandés San Patricio, organizado polo Mareantes Rugby Club e a Concellería de Promoción Económica, regresa con música en directo e unha irresistible proposta culinaria na que a cervexa volverá ser protagonista
  • A principal novidade deste ano será a visita dunha trintena de xogadores do club alicantino Elche Rugby Club Unión acompañados das súas familias. Reservarase un stand da carpa para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína

Con moitas gañas acumuladas e a pretensión de deixar atrás estes dous anos de dura pandemia, a Praza de España recuperará entre o mércores 16 e o domingo 20 de marzo unha das súas citas lúdicas, sociais e culturais máis senlleiras: o Festival Galaico-Irlandés de San Patricio, organizado polo Mareantes Rugby Club en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo. O ‘clasico’ do calendario festivo-gastronómico pontevedrés chega neste 2022 á súa X edición cunha irresistible proposta culinaria na que a cervexa volverá ser a protagonista, música en directo, actividades para os máis pequenos, un stand solidario de recollida de produtos non perecedoiros para Ucraína e un partido conmemorativo de rugby. 

O festival apostará unha vez máis polo produto local, tanto no eido gastronómico (toda a mercadoría se fabrica, comercializa e/ou distribúe en Pontevedra) como no plano lúdico-cultural, xa que tódolos grupos musicais participantes son da cidade de Lérez: Gran Garaje, Algo pasa con Mary, Jugones, Desconcerto e Son das Tabernas.

A principal novidade desta X edición será a visita dunha trintena de xogadores do club alicantino Elche Rugby Club Unión, que aterrarán na cidade coas súas respectivas familias para desfrutar de Pontevedra, da oferta de lecer e cultura que se desenvolverá na carpa de 50 x 15 metros instalada diante da Casa Consistorial e dun partido conmemorativo amistoso coa sección veterana do Mareantes Rugby Club (que terá lugar o sábado 19 no campo de Monte Porreiro a partir das 12:00 horas).

O club reservará novamente un espazo específico para contribuír no ámbito da responsabilidade social, en concreto, para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, un colectivo galego que envía diferentes produtos que a poboación deste país precisa neste contexto de invasión militar. Deste xeito, habilitarase un stand para a recollida de produtos non perecedoiros.

Os concertos celebraranse tódolos días en dous pases distintos, ás 19:00 horas e ás 22:00 horas, agás o domingo, no que haberá unha sesión vermú:

  • Xoves 17: Gran Garaje
  • Venres 18: Algo pasa con Mary e Jugones
  • Sábado 19: Desconcerto e Son das Tabernas
  • Domingo 20: Sesión vermú

Está pasando!