Presentación do Festival Artístico Solidario ‘Talent for Change’ | Concello de Bueu

A Praza Massó encherase de talento co Festival Artístico Solidario ‘Talent For Change’

30 Marzo 2026

Bueu será o escenario o próximo 9 de maio do Festival Artístico Solidario ‘Talent For Change’, que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu e dos centros educativos da contorna, e que estará centrado na posta en valor dos nosos talentos e como potencialos, non só para beneficio propio senón tamén para a sociedade.

Nesta edición, que vén con cambio de nome (nas catro primeiras chamábase ‘Art for Change’), difundiranse as investigacións e os traballos do alumnado bueués, baixo a temática do talento coa elaboración dun documental que recollerá entrevistas a persoas vinculadas á vila relacionadas co ámbito sociocultural. Agora mesmo atópanse en pleno proceso de planificación para o que contan con toda a comunidade educativa do municipio e outras entidades.

O evento terá tamén unha parte solidaria, a través da recadación de fondos para apoiar a entidades sociais da contorna. Neste caso serán a Asociación Inventiva, destinada a cubrir as necesidades da infancia e xuventude con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra; e Ruído de Fondo, un colectivo da comarca para promover e difundir a cultura e o ocio alternativo do Morrazo xerando novos espazos de encontro.

Entre as actividades propostas para o festival, xa se poden avanzar unha obra de teatro, alfombra floral, experimentos, exhibicións, micro aberto de música e poesía, actividade con lentes de realidade virtual e outra de drons, obradoiros, escape room, batucada e concertos de grupos emerxentes.

Nesta edición, e como novidade, creouse como mascota un ourizo cacho que foi elixida por toda a comunidade educativa de Bueu debido a que é un animal que representa a sabedoría e a curiosidade, así como a resiliencia e a fortaleza.

O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado ‘Oceans of Culture, Culture Of Oceans’, no que se analizou xunto a outros seis países europeos como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. O proxecto tomou como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto.

O Concello leva dende o comezo apoiando este festival porque é un espazo de dinamización de propostas coa mocidade como protagonista.

Está pasando!