Presentación da proba de descenso DH A Fracha | © Concello de Pontevedra

A proba de descenso DH A Fracha promete ser un espectáculo natural e deportivo durante a xornada do sábado

14 Setembro 2023

A proba ciclista conta con superar os cen inscritos, subliñando presencia feminina para unha disciplina destas características


A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou na mañá de onte, a proba ciclista de descenso DH A Fracha, que se celebrará ao longo da xornada do sábado, 16 de setembro, no nomeado parque forestal pontevedrés.

A cita contará con máis de cen participantes, amantes deste tipo de modalidade diclista, e afondará na idea de ver o monte como un espazo deportivo e de lecer. «Sempre estamos encantadas de traballar con xente que lle quere a esta cidade e que promove eventos deportivos desta clase», explicou a edil. «É un orgullo dar conta de citas que aproveitan os recursos e a potencialidade que temos en Pontevedra».

Gulías subliñou a «boa vontade» dos organizadores para que a proba sexa un éxito, e fai un chamamento a toda a veciñanza para que coñeza A Fracha coa escusa desta competición. «Estou convencida de que seguiremos avanzando nesta dirección, na de posta en valor dos nosos recursos naturais e do noso deporte. Temos compromisos nese sentido e así seguirá sendo».

Os adestramentos realizaranse entre as 10.00 e as 13.00 horas, namentres a proba oficial será desenvolvida a partir das 16.00 e até as 20.00 horas, prometendo ser todo un espectáculo para curiosos e seareiros do deporte.

Desde a organización sinálase que esta é unha das disciplinas «máis espectaculares que pode un atopar». Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, destacou a colaboración do Concello de Pontevedra na realización da proba e definindo ao municipio como «a casa do deporte».

A situación exacta da proba, así como toda a información en relación coa normativa pode ser consultada a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo.


Está pasando!