A programación de Nadal no Museo de Pontevedra inclúe este ano un ciclo de cine dirixido a público infantil e familiar

13 Decembro 2023

A programación no Museo de Pontevedra inclúe este ano un ciclo de cine dirixido a público infantil e familiar no que se proxectarán algunhas das longametraxes de animación máis destacadas da historia e a actualidade do cinema feito en Galicia.

Durante tres semanas, os xoves e venres ás 18:00 horas proxectaranse no auditorio do Edificio Castelao seis filmes dirixidos aos máis pequenos.

O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de 4 prazas por reserva.

O ciclo arranca o xoves 21 de con ‘O bosque animado’, de Dygra Films, que no 2001 se converteu na primeira película de animación 3D realizada en Europa e que obtivo dous premios Goya. O venres 22 proxectarase ‘A Galiña Turuleca’ (2019), gañadora tamén do Goya ao mellor filme de animación.

A seguinte semana proxectaranse dous filmes dirixidos a maiores de 7 anos. O xoves 28 programarase ‘O Apóstolo’, unha película de stop motion dirixida por Fernando Cortizo en 2012, cos modelos e as voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e Jorge Sanz. O venres 29 pasarase ‘Engurras’, un filme sobre o alzheimer, baseado na novela gráfica de Paco Roca, que obtivo en 2011 dous premios Goya.

O xoves 4 de xaneiro proxectarase ‘Meigallos’, unha cinta dirixida en 2015 por Virginia Curiá. E pecharase o ciclo o venres 5 de xaneiro con ‘Valentina’, película dirixida por Chelo Loureiro sobre os soños dunha nena coa síndrome de Down e a súa avoa, que en 2021 obtivo o Goya ao mellor filme de animación.


Está pasando!