A Real Academia Galega e PuntoGal convocan a cuarta edición do concurso de microrrelatos

1 Febreiro 2021

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a cuarta edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro.

As entidades organizadoras agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame, ao que se presentaron ata o momento máis de mil seiscentas historias escritas por persoas de todas as idades.

Nesta edición volveranse repartir nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

A participación canalizarase a través dun novo sitio, www.relatos.gal, que facilitará a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos.

O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2021. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros- e relacionados coa lectura.

As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web relatos.gal. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

Está pasando!