Presentación de A Revolta do Umia Festival | © A Revolta do Umia Festival

A Revolta do Umia Festival celebra o seu acto de presentación en Vilar de Mato, Cuntis

25 Agosto 2023

O festival A Revolta do Umia celebrou onte, 24 de agosto, o seu acto de presentación oficial, no que deu a coñecer o seu completo programa de actividades musicais, culturais, gastronómicas e medioambientais.

O acto tivo lugar en Vilar de Mato, Cuntis, ás 13:00 horas deste xoves, na propia zona do festival. A el asistiron Manuel Campos Velay, alcalde do Concello de Cuntis, Concepción Campos Fernández, tenente de alcalde do Concello de Cuntis, José Antonio González Fontán, concelleiro de cultura, deporte e educación do Concello de Cuntis, Roberto Caeiro Duarte, concelleiro de turismo, patrimonio cultural, medio ambiente e desenrolo sostible do Concello de Cuntis, Natalia Camiña, concelleira do BNG no Concello de Cuntis, María Isabel Couselo Torres, deputada de infraestruturas públicas, mobilidade e contratación da Deputación de Pontevedra e concelleira do Concello de Cuntis, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, así como membros da organización e veciños.

No acto déronse a coñecer todos os detalles do que será a sexta edición do festival A Revolta do Umia, que se celebrará en Vilar de Mato, Cuntis, os días 25 e 26 de agosto.



Horarios e programación

A Revolta do Umia comezará o venres 25 coa celebración dunha cata sonora, amenizada coa música de Loita Amada. Ás 16:00 horas do mesmo venres darán inicio as proxeccións das curtas gañadoras do certame LAV.mov e, ás 18:00 horas terá lugar a proxección de videoclips musicais no escenario principal. Os concertos darán comezo ás 19:45 horas con Bellvitge, seguidos de Pants Off, Solar Corona, Loita Amada, Fillas de Cassandra, Aphonic, Ícaro e Xaby dj.

O sábado 26 as actividades darán comezo ás 10:00 horas cunha andaina que transcorre a carón do río Umia (Senda peonil Ponte do Ramo); ás 11:00 horas haberá un pasacalles a cargo de Hai que Roelo; ás 11:30 horas celebrarase un obradoiro de cerámica castrexa, dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis; ás 12:00 horas terá lugar un obradoiro de DJ; ás 12:45 horas haberá un obradoiro de café premium da man de Café Dromedario; á mesma hora terá lugar a entrega do premio á labor da defensa do medio ambiente, patrocinado por Vermut Sardino; ás 12:45 horas horas dará comezo a sesión vermú, patrocinada por Vermut Sardino, con Igloo e Eladio y los seres queridos.

Despois do xantar popular, que dará comezo ás 15:00 horas, ás 16:30 horas terán lugar as actividades de tempo libre a carón do río Umia; ás 17:00 horas haberá un obradoiro de baile e percusión tradicional; ás 18:00 horas será a exposición do traballo realizado polos grafiteiros nas dúas xornadas de festival. Os concertos darán comezo ás 19:30 horas con Mundo prestigio, seguidos de Dharmacide, Dani, Copa turbo, Gator the alligator, Ortiga, Monoulius Dop e Duendeneta. Este último pinchará tanto na sesión vermú, como na última hora de peche do festival.

Todo isto nun festival que pretende ser singular pola contorna, polo respecto ao medio ambiente e a posta en valor do medio rural dende os planos cultural e musical. Neste senso, todos os anos a organización do festival premia a unha entidade ou persoa física ou xurídica polo seu labor na defensa do medio ambiente. Esta edición outórgaselle á Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, polo seu compromiso na defensa da contorna que rodea os montes de Sabucedo.

Os abonos, as entradas de días, as prazas para a zona camping ou de autocaravanas, os obradoiros ou as actividades que requiran reserva previa, poden adquirirse na web oficial do festival http://arevoltadoumia.gal.

Está pasando!