A Revolta do Umia: música, natureza e sostibilidade nun festival singular

12 Agosto 2022

  • A quinta edición do festival A Revolta do Umia celebrarase en Vilar de Mato, en Cuntis, os días 26 e 27 de agosto
  • Entre os grupos deste ano destacan Bala, Terbutalina, Grande Amore, ou Kings of the beach, nun cartel heteroxéneo que vai desde a electrónica ou opunk-rock ata o hip-hop
  • Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado de artesáns, a proxección de curtas gañadoras no festival LAV.mov, un obradoiro de cerámica castrexa, entre outras actividades dun completísimo programa

O festival A Revolta do Umia celebra os vindeiros 26 e 27 de agosto a súa quinta edición, cun completísimo programa de actividades musicais, culturais, gastronómicas e medioambientais.

O festival nace no ano 2017 da man dun grupo de persoas que senten a necesidade de artellar un proxecto musical diferente, coa contorna rural e natural que rodea ao río Umia como eixe central. Pero lonxe de ser un festival máis, a súa singularidade radica na combinación de música, natureza, a dinamización do rural e o respecto ao medio ambiente. Neste senso, todos os anos a organización do festival premia a unha entidade ou persoa física ou xurídica pola súa labor na defensa do medio ambiente, e este é, precisamente, un dos motores do festival. O premio que se concede este ano estará patrocinado por Vermut Lodeiros.

Precisamente facendo gala desa singularidade, o cartel musical ofrece un heteroxéneo elenco con estilos que van desde o hip hop de Ann Trash, ao punk rock de Bala, o pop de Igloo, ou o garaxe dos vigueses Kings of the beach, sen esquecer a electrónica nos pratos de Viktor Flores ou Dj Ozetak.

Este ano o festival volta a dar un salto cuantitativo e cualitativo, para o que contan co apoio de institucións como o Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra, ou a Xunta de Galicia. Igualmente o patrocinio de Cervexas Alhambra (patrocinador principal), Platú e N0, e colaboradores como Balneario Termas de Cuntis, Vermú Lodeiros, a vinoteca Lugardelvino (A Estrada), supermercados Eroski City, aluguer de coches Abapic ou cafés Dromedario (que ofrecerá o seu café gratis a todos os asistentes que posúan unha entrada do festival).


Horarios e programación

A Revolta do Umia comezará o venres 26 coa celebración dunha cata sonora, cantada por Madalena Gamalho, unha das grandes voces emerxentes do panorama musical galego. Ás 16:30 horas do mesmo venres 26 darán inicio as proxeccións das curtas gañadoras do certame LAV.mov, e ás 20:30 horas arrancan os concertos de Ann Trash, Liska, Igloo, Terbutalina e Viva Belgrado. A noite do venres pecha coa sesión de DJ Ozetak.

O sábado 27 as actividades comezan ás 10:00 horas cunha andaina que transcorre a carón do río Umia, nun roteiro recuperado por unha asociación local; ás 12:00 horas celebrarase un obradoiro de cerámica castrexa, dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis; á mesma hora, e para todos os públicos, un obradoiro de DJ, e ás 13:00 horas un dos momentos máis esperados do festival, sesión vermut coa electrónica de DJ Viktor Flores.

Despois da comida popular que se celebra a carón do festival, ás 16:30 horas terán lugar os xogos populares, nunha contorna única a carón do río Umia; ás 17:00 horas comezará o obradoiro de baile e percusión; á mesma hora os máis cativos poderán desfrutar da actuación de Os Bolechas, e a partir das 19:00 horas as actuacións de Capital Voskov, Lisdexia, Kings of the beach, Grande Amore e Bala. O sábado rematará cunha sesión de electrónica de Dj Viktor Flores.

A organización do festival traballa arreo para a incorporación de algún grupo musical adicional, que poida sumarse aos xa confirmados. Todo isto nun festival que pretende ser singular pola contorna, polo respecto ao medio ambiente e a posta en valor do medio rural desde os planos cultural e musical.

As entradas poden adquirirse en dúas modalidades, bonos completos ou entradas por días, desde o enderezo do festival www.arevoltadoumia.gal.

Está pasando!