A Romaría das Persoas Maiores celébrase o 29 de xuño en Fexdega

27 Maio 2024

  • Fexdega volverá a acoller este ano a Romaría das Persoas Maiores, unha das actividades máis esperadas polo colectivo de maiores de Vilagarcía
  • Un total de 550 comensais poderán participar na romaría
  • As entradas pódense adquirir a partir do luns, 27 de maio, nas dependencias da Concellería, en horario de 9 a 13 horas

A Concellería das Persoas Maiores de Vilagarcía de Arousa organiza e subvenciona este encontro de verán a efectos de que os asistentes poidan gozar da xornada de diversión a un prezo asumible pro todos os petos.

A festa terá lugar o sábado, 29 de xuño, e contará con todos os ingredientes que caracterizan a este multitudinario evento: gastronomía, música, baile e concursos.

O menú componse de empanada de carne e de bacallau, lagostinos cocidos e carne ao caldeiro con patacas. A comida poderá regarse con viño branco ou tinto, auga mineral ou refrescos. Haberá doces de sobremesa, café e licores. O prezo é de 10 euros. As entradas pódense adquirir a partir do luns, 27 de maio, nas dependencias da Concellería, en horario de 9 a 13 horas. Os interesados deberán presentar o DNI.

A xornada inclúe a actuación musical da Coral Rosalía de Castro e do Coro Virxe da Renda de Combarro. Ademais, un DJ amenizará o baile tras o xantar e haberá o tradicional concurso de baile. Tamén se sortearán agasallos por xentileza de Gadis, para o cal os asistentes deberán gardar a entrada con cuxo número se realizará a rifa.

Os requisitos para poder asistir á Romaría da Terceira Idade son ter 65 anos cumpridos, ser pensionista e, no caso de prexubilación, ter cumpridos os 55 anos. Si o/a solicitante vai co seu cónxuxe ou parella, non é preciso que este reúna os anteriores requisitos.


Está pasando!