A romaría de San Bieito de Lérez regresa un ano máis entre gastronomía e música popular ás beiras do río

10 Xullo 2023

Pontevedra vivirá unha xornada festiva que comezará a primeira hora coa música d’ Os Alegres e rematará coa orquestra Triunfo xa rematando a noitiña


Pontevedra vivirá unha xornada festiva e de ocio as beiras do seu río. San Bieito de Lérez trae consigo unha longa xornada de actividades que se moven entre o popular, a tradición e o obxectivo de gozar en comunidade.

Esta mañá de luns xa era posíbel albiscar na praia fluvial do Lérez a carpa que ofrecerá sombra e refuxio a todo aquel que se achegue até a romaría popular que comezará as 11.30 horas neste espazo natural. Porén, unha horiña antes, ás 10.30 horas, Os Alegres partirán desde a casa do concello até os salóns do Lérez lembrándolle a cidade que se atopa en festas.

Ás 11.45 horas está prevista a actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e os xa nomeados Alegres. Ás 12:00 horas Pousos na Area ofrecerán uns pasacalles polas rúas de Lérez, xunto cos gaiteiros das Rías Baixas que visitarán toda a parroquia, procurando recuperar esta tradición musical. Ao mesmo tempo, na praia fluvial, dará comezo á mexillonada popular.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, o grupo Pola Vila actuará á beira do río, para logo, xa entrados na noitiña, ás 22.00 finalizar o festivo no adro do Mosteiro de San Bieito de Lérez coa orquestra Triunfo.

Está pasando!