Primavera de Portas Abertas | © Ruta do Viño Rías Baixas

A Ruta do Viño Rías Baixas conquista aos enoturistas na súa nova edición de Primavera de Portas Abertas

21 Maio 2024

Un ano máis a Ruta do Viño Rías Baixas consolídase como un dos itinerarios enoturísticos máis atractivos de España. Na nova edición de Portas Abertas organizada pola Axencia de Turismo de Galicia, que tivo lugar a fin de semana do 10 ao 12 de maio, case un milleiro de visitantes aproveitaron para mergullarse na cultura do viño das Rías Baixas.

Este ano os enoturistas puideron gozar dun amplo abanico de actividades, organizadas tanto pola Ruta do Viño Rías Baixas como polos seus socios. A Ruta do Viño Rías Baixas volveu triunfar cos seus coñecidos “Buses do Viño”, que este ano sumaron 9 en total e que novamente colgaron o cartel de cheo en apenas 48 horas.

Propostas máis innovadoras como as visitas teatralizadas ao Pazo Baión demostraron tamén ser un éxito, do mesmo xeito que a actividade “Música e Viño polo río Miño”, na cal os afortunados enoturistas puideron dar un paseo en barco mentres escoitaban música en directo e degustaban os prestixiosos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.


Primavera de Portas Abertas | © Ruta do Viño Rías Baixas

Ambas as actividades novamente colgaron o cartel de cheo, e xunto aos “Buses do Viño” chegaron a sumar máis de 370 participantes. A xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Lorena Varela, mostrou a súa satisfacción co resultado desta XIII edición das xornadas: “É unha proposta moi consolidada no calendario turístico de Galicia, en concreto en Rías Baixas, cuxas iniciativas suman novos seguidores cada edición e teñen unha gran importancia e repercusión para esta Ruta”.

Pero sen dúbida as visitas gratuítas a 26 adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas que participaron nesta iniciativa foron o broche desta exitosa xornada xunto coas actividades especiais dos socios, que unha vez máis namoraron aos visitantes e demostraron o gran encanto deste itinerario enoturístico. Estímase que no conxunto destas actividades participaron máis de 500 enoturistas.

A Ruta do Viño Rías Baixas agradece enormemente o traballo e dedicación dos seus socios nestas xornadas, xa que é grazas ao seu esforzo que estás xornadas supoñan un éxito ano tras ano.

Está pasando!