A Sala Ártika acolle en maio a primeira edición do Festival Artiklown

6 Maio 2021

A Sala Ártika estrea este mes de maio a primeira edición do Festival Artiklown onde catro compañías de teatro circo levarán as súas propostas ás táboas.

Con este ciclo queremos dar visibilidade ás novas disciplinas circenses e ás compañías que desenvolven os seus espectáculos dentro do novo circo, o clown e o cabaret.

Artiklown arrinca o 7 de maio co espectáculo “Only Cucko” de Francis J. Quirós, o extremeño que gañou “El Gran Show” de Got Talent ao namorar tanto ao xurado coma ao público con este pallaso tenro.

“Only Cucko” comeza  co nacemento dun pallaso. A palabra desaparece, a emoción e a improvisación convértense na linguaxe principal e, o tempo, transfórmase na urxencia por vivir. Cucko, só quere xogar, aprender, experimentar, fracasar… e, sobre todo, divertirse cun público que esqueceu que é iso de rir coma nenos.

A risa é efémera e por iso a desexamos con tanta forza. Estará o venres 7, sábado 8 e domingo 9 de maio ás 20:00 horas.

Os máis pequenos terán unha cita co circo os seguintes dous fins de semana. Por un lado, “Asacocirco show” estará o 15 e 16 de maio e “Circanelo” o 22 e o 23 deste mes. Dúas propostas que misturan o circo, co clown e a danza.

Malala Ricoy pechará este ciclo o 28, 29 e 30 de maio co seu espectáculo de clown e cabaret “Sexo seguro ¿seguro? ¡Seguro!”.

Un espectáculo que aborda temas complexos e escabrosos dende unha perspectiva cómica, sen restarlles importancia, pero quitando o veo que a sociedade impón.

Un show feminista e proLGTBQ+ (e todas as letras que queiras). A interacción constante co público crea unha atmosfera de comunicación na que flúe a emoción de ida e volta, entrando aos xogos que a artista propón e propóndoos con eles.

Porque este show contén unha importante carga didáctica sexual. E… ¡non te preocupes, que o que pasa no show, quédase no show!

As entradas para os diferentes espectáculos xa están a venta en www.artikavigo.com


Está pasando!