Presentación da nova tempada da Sala Ártika | Sala Ártika

A Sala Ártika presenta a programación para o último cuatrimestre do 2025

4 Xullo 2025

A Sala Ártika presentou a nova programación teatral para o útimo cuatrimestre do ano nun acto presidido polos socios da sala Marcos Alonso e Fernanda Barrio en compañía de Jacobo Sutil (Director do AGADIC), Luisa Sánchez (vicepresidenta e deputada de deportes, economía e impulso ao emprego da Deputación Provincial de Pontevedra), Gorka Gómez (Concelleiro de Cultura) e Abel Losada (Subdelegado do Goberno de España).

Nun acto aberto ao público, onde todos os membros da mesa destacaron a gran afluencia de xente nunha rolda de prensa, presentouse unha programación formada por vinte e nove compañías que traerán á cidade olívica 47 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza.

Desde a súa creación en 2014, Sala Ártika consolidouse como un dos espazos escénicos independentes máis activos e recoñecidos de Galicia. Ao longo destes once anos realizáronse máis de 1.730 funcións de compañías profesionais, cunha asistencia acumulada que supera as 92.000 persoas.

A programación abrangue teatro para público adulto, familiar e escolar, combinando exhibición regular, formación escénica e produción propia.

A actividade de Ártika ten un impacto cultural sostido e estruturado en Vigo: cada tempada ofréce unha media de 150 funcións, impulsamos campañas escolares con miles de nenos e nenas asistentes e mantemos unha escola de teatro estable con alumnado de todas as idades.

Neste último cuatrimestre do ano, vinte e nove compañías pasarán pola sala situada na rúa Beiramar en Vigo e que traerán á cidade 47 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Unha programación que, en palabras do propio Marcos Alonso, busca “servir de impulso cultural ás artes escénicas en Vigo e Galicia” .

Deste xeito, esta tempada teatral comeza co Circuíto FEGATEA de Teatro Amador organizado. Este ano sería o terceiro que a sala acolle este circuíto organizado pola compañía amadora FAUNA 113 e por onde pasarán compañías de todo o territorio galego como a Agrupación teatral Mariñán, Desfeita Teatro, DameCuerda QueTeatro ou o grupo de teatro de Antas de Ulla.

Tamén a sala Ártika volve ser o único espazo en Galicia que acoller o Circuíto de la red de teatros Alternativos, que este festexa a súa XXIII edición. O Circuíto de la RED é un programa impulsado pola RED de Teatro Alternativos co obxectivo de facilitar a xira de compañías profesionais de teatro contemporáneo e danza contemporánea, para público adulto e familiar.

Neste 2025 Ártika acollerá á compañía catalana Silver drops dansa co proxecto de danza familiar ‘Silver Drops’ e á compañía madrileña Teatro de los invisibles co espectáculo teatral para público adulto ‘Contención Mecánica’. A primeira estará o último fin de semana de setembro e, a segunda, o primeiro fin de semana de outubro.

O propio director do AGADIC, Jacobo Sutil, destacou “a variedade nunha programación moi ben pensada e que amosa unha pequena parte do traballo que se realiza na Sala Ártika”, Puxo en valor tamén a labor formativa e de referente cultural do espazo. Labores que sitúan á sala como referente nos espazos privados adicados á cultura.

Destacou a presenza das compañías Producións Teatráis Excéntricas e a A Panadaría que estarán presentes no VI Festival Comediártiko. A compañía encargada de comezar o festival será A Panadaría, que se despiden este ano dos escenarios e pecharán o seu espectáculo ‘As que limpan’ na cidade olívica con tres datas; venres 17, sábado 18 e domingo 19 de outubro.

O 25 e 26 de outubro serán a propia compañía da Sala Ártika a que estree o seu novo espectáculo para público familiar ‘O libro da selva, o musical’.

Producións teatrais excéntricas estarán o venres 31 co monólogo ‘Quico Cadaval conta… Notas de Rodapé. 30 anos a contar historias’ e o 1 e 2 de novembro co novo espectáculo de Mofa e Befa ‘Os dous de sempre. O regreso’ .

De fora da nosa comunidade achegarán as súas propostas a compañía vasca Utopian con ‘Rumbo desconocido’ e a mallorquina Estudi Zero con ‘El gran manicomio’.

O concelleiro vigués Gorka Gómez tamén tivo unhas palabras resaltando a labor que durante estes once anos a Sala Ártika tivo coa cultura viguesa e co público infantil.

A Sala Ártika segue tendo un espazo destacado para este público no segundo semestre do ano. O XI Festival Pequeártiko de Nadal que terá lugar do luns 22 ao mércores 31 de decembro e que conta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel como entre o público asistente.

Redrum con ‘Contos do Lobicán’, Títeres sin cabeza con ‘¿Cuántas estrellas puedes contar?’, Ártika Cía con ‘O libro da selva, o musical’, Cía Tarambana con ‘Pañuelos’, Pedras de cartón con ‘Moby Dick’, Café de las artes con ‘Katia the Cat’, Bambalúa con ‘Ñam Ñam’, Disiden.cia con ‘Bipedestrucción’ e Migallas teatro con ‘A historia do coelliño branco’ forman o cartaz deste ano.

Ademais, seguindo co compromiso da propia sala de crear novos públicos para as artes escénicas, os máis cativos e cativas da casa terán un albume que irán completando con cada un dos espectáculos que veñan ver á Sala Ártika. En cada función de teatro familiar recibirán unha pegatina do espectáculo correspondente e así, cando completen este albume, terán de agasallo 5 entradas de balde.

Tanto Gorka Gómez como o subdelegado do Goberno Abel Losada destacaron esta iniciativa dada a importancia do mesmo como xerador de novos públicos potenciais.

Losada, pola súa parte, destacou tamén a colaboración institucional, nuns tempos convulsos onde é preciso a cooperación para preservar espazos de liberdades abertas e sociais.

Como novidade, este ano a sala Ártika presenta o ciclo de música Cámara Ártika. Unha serie de concertos que nacen coa idea de mostrar as músicas de pequeno formato que se están a desenvolver no momento actual e que teñen como elemento común a investigación e a procura de sonoridades afastadas das correntes principais.

Os estilos que se queren integrar na proposta poden ser moi diversos e poden abarcar unha grande variedade de enfoques sonoros contemporáneos, clásicos ou tradicionais. Non sendo alleos á realidade cultural da mestura e por tanto da fusión sonora da música actual, dáselle especial importancia á música orixinal e á promoción de compositores e intérpretes en activo que representen un valor cultural especial.

Polo tanto, Cámara Ártika se constitúe como a oportunidade de darlle ao público o seu dereito de coñecer a diversidade na música, e así aprender e ampliar en cada escoita o outeiro cultural da música na cidade de Vigo.

Este ciclo terá lugar o primeiro venres de cada mes no ambigú da Sala Ártika e neste semestre pasarán os grupos Raposa, Dumka Quartet, Santiago Meijide e Sunil López.

Consolídase tamén a programación estendida que se ven realizando dende fai dous anos coas propostas Off. Este ano o grupo de improvisación Colectivo do Flow presentan o seu novo espectáculo e Bea Campos achegará o seu espectáculo narración oral ‘Chegar e encher’.

Completan a programación os espectáculos ‘Épica Vulgaris’ de Improversados, ‘4200’ da compañía Inestable (Valencia), a estrea do novo espectáculo da compañía viguesa Vacaburra con ‘Familia Nijinka’, ‘Alta Costura’ de Elefante Elegante, ‘Non pasarán’ de Ártika cía e o espectáculo musical ‘El diario de Lucas’ da compañía Off (Comunidade Valenciana).

A venta de entradas estaría dispoñible a partir das 12:00 horas do mesmo xoves 3 de xullo a través dos canais de venta habituais.

Está pasando!