O Ateneo Santa Cecilia de Marín presenta a exposición pictórica ‘Utopías’ de Galia Blanco

4 Abril 2024

O título da exposición, ‘Utopías’, fai referencia á necesidade da artista de seguir crendo en Utopías tan básicas e imprescindibles como a paz e a xustiza social.

Nesta mostra, Galia Blanco, amosa os seus últimos traballos, que forman parte das series ‘Eternas’ e ‘Harmonía’, onde combina a abstracción serena de xogos de cores cos que busca ordenar o caos e a velocidade da vida contemporánea (Harmonía) coa forza e intelixencia da mulleres ‘Eternas’, reais ou de ficción, que retrata.

A inauguración, que contará coa prensenza do artista Antón Sobral, quen fará a presentación da mesma, terá lugar o mércores, 10 de abril ás 20:00 horas e poderase visitar ata o 27 de abril no horario habitual da sala do Ateneo Santa Cecilia.



Galia Blanco

Compostelana afincada en Poio, comezou a expor as súas pinturas a finais dos anos 80, sendo aínda nena, e desde entón ten participado en numerosas mostras individuais e colectivas tanto a nivel nacional como internacional.

Xornalista e pintora, compaxinou a arte e a comunicación ao longo da súa vida. Traballou como xornalista cultural na sede de Galicia do diario El Mundo e tamén estivo ao cargo da comunicación en entidades culturais e producións audiovisuais.

Como pintora, destacan os seus ‘Popsportraits’ ou retratos pop, cos que iniciou a súa carreira e que segue a realizar por encargo, ou series como Agropop, na que representaba con cores vibrantes temáticas do rural galego desde unha perspectiva contemporánea.

Está pasando!