Presentación do 53º Curtas Festival do Imaxinario | Concello de Vilagarcía de Arousa

A Sala Rivas Briones acolleu a presentación do programa completo de actividades do LIII Curtas Festival do Imaxinario

20 Outubro 2025

  • Na presentación estiveron o alcalde, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, o director, Luís Rosales, e outros membros da Xunta e da Deputación de Pontevedra.
  • Aínda que as exposicións comezaron xa o pasado día 3, o groso do programa arranca o venres que vén con obradoiros, charlas e proxeccións ata o 2 de novembro.
  • Todas as actividades do festival son de balde.

Para o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, grazas ao festival Curtas “non só somos a capital do cine fantástico senón tamén da desestacionalización, con eventos todos os días do ano”.

Cómpre recordar que o evento forma parte da rede ‘VGA 365’, que engloba moitas das propostas culturais da vila. Ademais, o Concello é o seu principal colaborador.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, puxo en valor o traballo da organización “que lle deu unha volta á programación e cambiou por completo a forma de plantexala ”.

A cita reforza o seu carácter internacional con 102 estreas de 36 países de todo o mundo: “Entre elas, 2 longametraxes que escolleron o Curtas para presentarse ante o mundo”, apuntou Luis Rosales.

O Curtas debutará o venres 24 coa proxección de “As mans de Orlac”, unha actividade que estará acompañada musicalmente polo pianista Jorge Gil Zulueta.

Ás 20:30 horas tamén se entregarán os galardóns ao director de terror Paco Plaza e ao ilustrador Tomás Hijo no Salón García.

Ademais, visitarán a cidade moitos outros referentes do sector, coma Marcus Nispel, produtor de “A matanza de Texas” ou “Venres 13”; Arturo Balseiro, profesional de efectos especiais cun premio Goya e que traballou en películas como “Harry Potter” ou “O labirinto do Fauno”; ou a actriz Diana Peñalver, coñecida polo seu papel protagonista en “Braindead, a túa nai comeuse ao meu can”, do oscarizado Peter Jackson.

Como a edición está dedicada aos monstros, haberá obradoiros sobre deseño de criaturas en 3D, maquillaxe, etc.

Outro dos eventos destacados será o día 1 no Auditorio ás 21:00 horas con “A noite dos mortos ao vivo”: “É un espectáculo que gustará a todos os públicos xa que contaremos co acompañamento musical da Orquestra Clásica de Vigo e con catro actores que se subirán ao escenario para interpretar anacos da película cos diálogos en galego”, apuntou Rosales.

Os vehículos de Harry Potter e Os Cazafantasmas

Unha das propostas que máis popularidade acada é o ‘photocall’ cos vehículos fantásticos. Este ano, por Vilagarcía pasará o dos Cazafantasmas, que é diferente ao que estivo na localidade hai un par de anos, en concreto este é o da nova película; e tamén o coche voador de Harry Potter.

O alcalde, Alberto Varela, apuntou que o Curtas “convértese na escusa perfecta para achegarse a Vilagarcía durante estas datas”, máis coincidindo coa celebración do Samain “un ambiente perfecto para a celebración do festival”.

Está pasando!