A San Silvestre 2020 de Pontevedra será unha carreira distinta para un ano especial: ‘Rara, pero San Silvestre’

18 Decembro 2020

Unha carreira distinta para un ano especial. ‘Rara, pero San Silvestre’. Así será neste 2020 marcado pola pandemia da Covid-19 a carreira máis senlleira do Nadal, que o Concello de Pontevedra logrou sacar adiante grazas ao intenso traballo e vontade, así como ás enormes doses de ilusión e imaxinación, despregados polo Servizo Municipal de Deportes e a Sociedade Ximnástica de Pontevedra. A proba, que foi presentada esta mañá na Ponte do Burgo nun acto que contou coa participación do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta da Ximnástica, Charo Castro, e os codirectores do evento, os atletas Santi Ferrer e Víctor Riobó (gañador da carreira ata nunha ducia de ocasións), chega nesta edición cunha morea de novidades, entre elas un MetroSilvestre e unha proposta de 10 circuítos que suman case 37 kilómetros e que poderán completarse en solitario ou en familia, entre os días 15 de decembro e 15 de xaneiro.

No acto de presentación desta ‘rara’ San Silvestre, que estivo conducido polo speaker Javier Pazos e ao que tamén asistiron Ángela Paz e Mar García Vendrell, xurados do concurso de disfraces do evento, Tino Fernández subliñou que “pese todo, pese ás circunstancias, o importante segue a ser movernos, e por iso organizamos esta carreira, que se pode completar correndo, camiñando, en bici, en cadeira de rodas ou en calquera medio de mobilidade activa”, sempre “pensando en todos e todas, en non perder o sorriso e en facela con sentidiño”.

O concelleiro socialista explicou que, para esta versión da carreira popular, deseñouse un MetroSilvestre, “un plano guía que segue a estética e filosofía do MetroMinuto e que condensa nun mesmo plano guía as dez propostas de itinerarios coas súas distancias en metros e minutos: 1. Illa das Esculturas-Avenida de Bos Aires (4.600 metros / 55 minutos camiñando); 2. A Xunqueira de Alba (3.800 metros / 45 minutos camiñando); 3. Entrepontes (Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes, 1.000 metros / 12 minutos camiñando); 4. Ría-Río (miradoiro da avenida de Marín-Ponte dos Tirantes, 5.000 metros / 60 minutos camiñando); 5. Alameda-As Palmeiras (1.200 metros / 14 minutos); 6. Senda dos Gafos (8.400 metros / 101 minutos); 7. O Gorgullón-Os Gafos (1.600 metros / 19 minutos); 8. Parque Miradoiro (rúa Francia-O Miradoiro, 1.400 metros / 16 minutos); 9. Senda do Lérez (8.000 metros / 96 minutos); 10. O Pontillón do Castro (3.360 metros / 40 minutos)”.

Inscricións na web na Sociedade Ximnástica

Tal e como indicou Víctor Riobó, para participar na San Silvestre haberá que inscribirse previamente na web da Ximnástica ‘sgpontevedra.com‘, puidendo rexistra-la actividade realizada de dous xeitos: “a través desta mesma páxina ou escaneando os códigos QR que se instalarán nas sinalizacións dos circuítos”. “Poderán completarse os circuítos que se queiran e só por participar, entrarase en diversos sorteos ao longo do mes que durará a proba. Cantos máis circuítos se rexistren, máis posibilidades haberá de conseguir premios. Ademais, tamén poderán adquirirse camisetas conmemorativas”, apuntou Riobó.

O codirector da carreira subliñou que, “seguindo a filosofía de promover unha actividade física saudable para todo o mundo”, nos 42 sinais indicadores distribuídos polos circuítos e os 10 ‘tambores’ de dous metros de alto que marcarán o inicio e a meta de cada percorrido “incluiranse informacións e debuxos con 35 propostas de exercicios para antes, durante e despois de cada itinerario”. O atleta e multicampión da proba amosouse “convencido de que, aínda que este Nadal non imos poder desfrutar de esa espectacular imaxe da tradicional saída multitudinaria dende a avenida de Montero Ríos, celebraremos a San Silvestre co maior número de participantes da historia da nosa cidade”. “Animo a toda a cidadanía a volcarse con esta carreira para converter 2020 nun ano de récord”, asegurou Riobó.

Tino Fernández fixo fincapé no feito de que #RaraPeroSanSilvestre foi deseñada como “un programa de actividade física que pretende promover, crear e reforzar hábitos de vida saudable entre a poboación”. Nun momento no que a OMS vén de actualizar as recomendacións de exercicio físico, o tenente de alcalde afirmou que un dos obxectivos é o de “contribuír a que a poboación do municipio consiga acadar os mínimos de actividade física recomendada de entre 150 e 300 minutos de exercicio moderado e a superación de 10.000 pasos diarios, que equivalen a unha distancia de entre 6 e 7 kilómetros”.

O reto: 195 kilómetros por participante

“A Concellería de Deportes -sinalou Tino Fernández- propón o seguinte reto individual para estes 30 días de actividade física: que cada participante no programa #RaraPeroSanSilvestre acumule un mínimo de 195 kilómetros, aproximadamente 300.000 pasos, percorrendo os circuítos marcados. Coa superación deste reto, superaremos a recomendación mínima da OMS de camiñar un mínimo de 10.000 pasos diarios. E neste contexto, hai que lembrar que as persoas cun nivel insuficiente de actividade física teñen un risco de morte entre un 20 e un 30% maior en comparación coas que si manteñen un nivel suficiente de actividade física. De feito, considérase que poderían evitarse ata 5 millóns de falecementos anuais cun maior nivel de exercicio da poboación mundial”.

A presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro, lembrou que un dos principais fundamentos e razón de ser da San Silvestre radica “na súa dimensión social” e, neste sentido, “iranse publicando fórmulas para colaborar co Banco de Alimentos e coa Ximnástica, tanto a través de achegas directas como de liñas de merchandising”. Castro recalcou a necesidade de que, a pesar de que non teremos que preocuparnos das aglomeracións doutros anos polo cambio de formato, “seguirá sendo moi importante respectar as medidas hixiénico-sanitarias actuais e principalmente a recomendación de actividade física ao aire libre de xeito individual ou o máximo de catro persoas, sexan ou non convivintes”.

+info. en pontevedra.gal

Está pasando!