PoioMostra 2025 | Concello de Poio

A Seca converterase esta fin de semana nun gran escaparate do comercio local coa celebración de PoioMostra

9 Abril 2026

Inaugurarase o venres, día 10, en horario de tarde, e conta con preto de corenta comercios que ofrecerán unha ampla variedade de produtos, desde moda ata alimentación, xardinería, mobles ou coches.


A Seca prepárase para acoller esta fin de semana unha das citas comerciais máis destacadas da comarca coa celebración dunha nova edición de PoioMostra, que chega xa á súa terceira convocatoria consolidada como un evento de referencia para o impulso do comercio local.

Desde o venres 10 e ata o domingo 12 de abril, este espazo converterase nun auténtico punto de encontro entre empresas e público, cun recinto totalmente acondicionado con carpa e cunha distribución deseñada para ofrecer unha experiencia cómoda, accesible e dinámica tanto para expositores como para visitantes.

Co cartel de “completo” colgado desde hai días, PoioMostra contará coa participación de preto de 40 comercios e concesionarios, que amosarán unha ampla e variada oferta de produtos e servizos. Moda, complementos, alimentación, mobles, decoración ou xardinería serán algúns dos sectores representados nun evento que destaca pola súa diversidade e calidade.

Na zona exterior habilitarase unha exposición de vehículos de ocasión e seminovos de distintas marcas, favorecendo o contacto directo entre profesionais do sector e potenciais compradores.

A entrada será gratuíta durante toda a fin de semana. O horario de apertura será o venres de 16.00 a 21.00 horas; o sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 horas; e o domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Desde o Concello de Poio e a asociación empresarial EnPoio animan á veciñanza e visitantes a achegarse á Seca para gozar desta proposta, destacando que PoioMostra é unha oportunidade única para descubrir a calidade e variedade do comercio local, atopar boas ofertas e recibir unha atención próxima e personalizada.

Con esta iniciativa, Poio reafirma a súa aposta pola dinamización económica e o apoio ao tecido empresarial do municipio, convertendo durante tres días A Seca nun escaparate de toda a actividade comercial do municipio.

Está pasando!