A segunda edición do ciclo ‘En3vistas’ contará con representantes de diferentes eidos culturais, tales como a moda, a arte, a ciencia, a televisión e a música

29 Xullo 2021

O Concello de Pontevedra ofrecerá na primeira semana de agosto a segunda edición do ciclo de entrevistas ‘En3vistas’, unha aposta pola normalización da lingua galega a procura de novos referentes en diversos eidos culturais e sociais.

As conversas terán unha primeira parte coa entrevista aberta ao público e ao aire libre na cidade; e, por último, a posibilidade de seguir todas estes faladoiros en liña, na Rede, ben ao vivo (Facebook e Instagram), ben en diferido (YouTube).

«Esta é unha nova edición, mais mantemos algunhas formas da primeira, igual que certos obxectivos», explica Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. «Por unha banda, queremos amosar a lingua que se vive, que se fala, e coa que se traballa con total normalidade como parte da sociedade. Doutra banda, queremos coñecer a relación das persoas de diferentes eidos coa lingua».

O concelleiro sinala que os convidados pertencerán a cinco eidos diferentes: moda, arte, ciencia, televisión e teatro, e a música. «A lingua é o eixo transmisor de todo este programa, e buscamos aspectos en común, non puramente lingüisticos, entre xente que fai cousas distintas e que as fan en galego».

Nesta ocasión, o departamento de normalización quixo apostar por un formato de entrevista máis clásico, aínda que non se deixará de lado o fomento da conversa pura entre as persoas que van participar. Este ano a xornalista Chus Gómez do Rego, vinculada ao Diario de Pontevedra, collerá o papel de mestra de cerimonias, entrevistando e fomentando o diálogo entre todos os participantes, afondando nos aspectos do día a día lingüístico, amais de coñecer os perfís máis persoais dos poñentes.

Oubiña tamén quixo sinalar o correcto e obrigado cumprimento das normas sanitarias que existan no momento do ciclo, con control de acceso, cadeiras, separación, máscaras e, na procura da comodidade e a mellor experiencia posíbel, unha sonorización adecuada das conversas, tanto para o público presente como para os espectadores dixitais.

Luns 2 de agosto / 20:00 horas / Avda. de Santa María

Álex Regueiro e María Viqueira

Martes 3 de agosto / 20:00 horas / Xardíns do Dr. Marescot

Mounqup e Masakazu Shida

Mércores 4 de agosto / 20:00 horas / Virxe do Camiño

Iria Veiga e Darío Lago

Xoves 5 de agosto / 20:00 horas / Pargue dos Gafos

Carlos Blanco e David Amor

Venres 6 de agosto / 20:00 horas / Ponte do Burgo

Pili Pampín e Ortiga


Está pasando!