Presentación da sexta edición do ciclo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ | © Concello de Pontevedra

A sexta edición de ‘As mulleres que opinan son perigosas’ volve ao Teatro Principal de Pontevedra cun impresionante programa de poñentes

28 Febreiro 2023

  • Mara Torres, María Guerra, Sindy Takanashi, Laura Ferrero, Marta Peirano, Antía Paz ou Rosa María Calaf, entre outras, conversarán diante do público do Principal os días 17 e 18 de marzo
  • O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agarda que citas como esta acaben por ter unha repercusión positiva na sociedade «máis cedo que tarde»

A sexta edición do ciclo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ será unha realidade entre os días 17 e 18 de marzo. Cun renovado programa e con novas voces chegan estas novas xornadas organizadas baixo a batuta das xornalistas Susana Pedreira e Diana López, coa promoción e colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

Unha das principais novidades deste ano é a recuperación do Teatro Principal como espazo principal para o desenvolvemento do encontro, que se agarda cheo para as nomeadas datas de celebración. Cómpre sinalar que se ben a entrada é libre, as organizadoras recomendan facer uso do formulario de inscrición para a reserva de butaca.

Doutra banda, esta nova edición contará co I Premio de Xornalismo de Opinión As mulleres que opinan son perigosas, tal e como indicou Diana López durante a presentación do encontro. «Para nós é importante poder engadir un chisco máis a ese mundo da opinión feita por mulleres. É importante non só xuntar a mulleres que fan opinión e a mulleres xornalistas en xeral, senón promover a promocionar esa canteira de mulleres opinadoras que non sempre é tan fácil atopar. Seguimos sendo menos que homes nas páxinas e nas tertulias. Animamos a todas as mulleres a que se animen a participar».

No premio, calquera muller maior de idade pode participar cun texto de creación de seu, publicado nalgún medio ou non. Haberá dous premios, un para o mellor artigo escrito en lingua castelá e outro para o de lingua galega (cada un deles de 1.000 euros).


Presentación da sexta edición do ciclo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ | © Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que «as mulleres que opinan non son perigosas, son imprescindíbeis» e sinalou a importancia dunha cita que reivindica cuestións tan básicas como a posibilidade de ler e escoitar a mulleres en todos os eidos informativos da sociedade, xa que «sempre será positivo que máis mulleres opinen nos medios de comunicación».

«As mulleres teñen dereito a estar representadas. Teño que insistir: as mulleres son imprescindíbeis en todos os eidos da vida e da sociedade. », indicou o rexedor. «Creo que se vai avanzando, quero ser positivo. O traballo de mulleres como Susana ou Diana, e en xeral de todas as mulleres, acaba dando os seus froitos».

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor o traballo «único» de Susana Pedreira e Diana López Varela «por seguir empurrando deste proxecto, dos máis relevantes que se fan en todo o Estado», que naceu no 2018 como resposta a un congreso sen presenza feminina «pero que, tristemente no 2023, segue sendo tan imprescindible como era entón, aínda que agora máis que de denuncia é de militancia activa en favor da opinión das mulleres».


Relatoras participantes na sexta edición do ciclo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ | © Concello de Pontevedra

Neste senso, puxo como exemplo que na xornada deste luns 27, o 81,6% dos artigos escritos nos principais xornais da comunidade están escritos por homes e mesmo en dous, non figuraba ningún artigo asinado por unha muller. «Esa é a realidade do luns, do martes, do mércores… e a realidade do 2018 ao 2023 –criticou-, a pesar de que hai mulleres potentísimas, grandísimas expertas en calquera cousa que se queira escribir». Carmela Silva insistiu afirmando que «é castrador como sociedade que a xente non poida saber o que pensamos o 51% da poboación».

Fronte a esta situación, destacou a aposta das dúas xornalistas por seguir contando no foro «con mulleres de altísimo nivel, coñecidas e recoñecidas, que reflexionan sobre cuestións moi relevantes, que converten á cidade de Pontevedra e á provincia na capital das Mulleres que Opinan» e unha referencia en Galicia e o Estado. A presidenta agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra e o alcalde e destacou así mesmo a importancia do novo premio «que anima moito a avanzar, porque amais de denunciar, queremos reflexionar e actuar para incrementar eses datos e que algún día poidamos seguir celebrando este congreso aínda que a opinión sexa xa paritaria, porque nos apaixona escoitar a mulleres que tanto teñen que aportar».


PROGRAMA

Venres 17 de marzo

  • 12:00 h. Inauguración: Diana López, Susana Pedreira, Carmela Silva e Miguel Ángel Fernández Lores
  • 12:30 h. “Malcriadas e deslinguadas. A opinión centennial en clave local”. Alba Moledo Ucha, xornalista en Diario de Pontevedra
  • 13:15 h. “Activismo e influencia: responsabilidade e viralidade na opinión con perspectiva feminista para Instagram”. Sindy Takanashi, creadora de contido
  • 14:00 h. Pausa para o xantar
  • 17:00 h. “A voz dunha pioneira: 40 anos de xornalismo comprometido nas ondas galegas”. Aida Pena, xornalista na Cadena SER
  • 17:45 h. “Maternidade e poder: escravitude ou revolución”. Nuria Labari, xornalista e escritora. Opinión en El País
  • 18:30 h. Pausa para o café
  • 18:45 h. “A crítica de La Script: cine, series, premios e festivais”. María Guerra, xornalista e crítica de cine
  • 19:30 h. “Conversacións, experiencias e humor: a noite é súa”. Mara Torres, xornalista na Cadena SER

Sábado 18 de marzo

  • 11:45 h. “Failume. As mulleres rabudas tamén opinan”. Antía Paz, xornalista. Opinión en Luzes
  • 12:30 h. “Opinar sobre o que vemos”. Paloma Rando, columnista e guionista de televisión. Opinión en El País
  • 13:15 h. “Tecnoloxía e poder: contra o futuro”. Marta Peirano, xornalista. Opinión en El País, Muy Interesante e Radio Nacional
  • 14:00 h. Pausa para o xantar
  • 17:00 h. “Voces femininas nas retransmisións deportivas”. Paula Montes, xornalista en Radio Vigo
  • 17:45 h. “A familia e outros universos narrativos”. Laura Ferrero, xornalista, escritora e guionista. Opinión en El País e La ventana da Cadena SER
  • 18:30 h. Pausa para o café
  • 18:45 h. “Ni por favor, ni por favora. Como falar (e escribir) con linguaxe inclusiva. E punto”. Clase maxistral. María Martín, de @generoenaccion
  • 19:30 h. “Información, feminismo e liberdade arredor do mundo”. Rosa María Calaf, xornalista e correspondente internacional

Está pasando!