A Sociedade Antropolóxica Galega presenta a edición online das “IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza”

12 Febreiro 2021

Neste ano 2021 no que a pandemia da Covid 19 e as súas medidas sanitarias fan imposible a celebración do Entroido tal e como é concebido, e no que os actos culturais e públicos vense reducidos para garantir a seguridade da poboación, a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) vese obrigada a cancelar as súas xornadas anuais e presenciais sobre o Entroido de Galiza.

Pero dende a Sociedade Antropolóxica Galega non quixeron deixar pasar esta celebración que clausura as festas do inverno sen achegar a súa humilde contribución para facer estes tempos duros e difíciles algo máis levadeiros. Xa que non é posible dármonos cita presencialmente, como viña sendo habitual, para falar, debatir e aprender ao redor do noso Entroido, decidiron compensalo cun extenso ciclo online de conferencias.

Velaí as “IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza” edición online. Un interesante ciclo de 10 días de conferencias a cargo de membros e colaboradores da SAGA, que comezará o Venres de Entroido e rematará o Domingo de Piñata.

Cada día, ás 20:00 h. colgarase no blogue e no Facebook da SAGA unha conferencia para que todo aquel que o desexe poida acceder libremente a ela.

Viva o Entroido!

Está pasando!