Presentación das ‘penlas’ nas Festas da Coca 2025 | Concello de Redondela

A tradición e a emoción marcan o inicio das Festas da Coca 2025

19 Xuño 2025

A tradicional danza das “penlas” foi o eixo central da apertura das Festas da Coca de Redondela o mércores 18 de xuño, dando paso ao xoves 19 coa festividade do Corpus Christi, nunha xornada que rendeu homenaxe ás alfombristas, que preservaron a tradición das alfombras florais que decoraron toda a vila, e á Danza das Espadas.

A Praza do Concello rexistrou un cheo absoluto para gozar da presentación das “penlas” co seu primeiro baile, nun día animado e cun tempo solleiro.

A xornada do mércores comezou cun animado desfile ás 18:00 h no que xigantes, cabezudos e as melodías do grupo de gaitas Airiños de San Simón percorreron as rúas, enchendo Redondela de festa e tradición. Ás 19:30 h, a Orquestra de Saxos de Redondela ofreceu un concerto, preparando o ambiente para os actos oficiais.

Ás 20:00 h, a Praza do Concello acolleu a lectura do pregón a cargo de Manuel Conde, “Manolo Casa Paco”, quen, visiblemente emocionado, abriu o seu discurso cunha calorosa benvida: “Boas tardes a todas e todos, veciños, veciñas e visitantes. É un orgullo inmenso estar hoxe aquí, no corazón de Redondela, celebrando unha das festas máis emblemáticas e cheas de maxia da nosa terra: a Festa da Coca.”

Lectura do pregón a cargo de Manuel Conde, “Manolo Casa Paco” | Concello de Redondela

Manolo, redondelán de nacemento, rememorou a súa infancia na Estación Vella e os momentos compartidos no restaurante Casa Paco, que deu nome ao club deportivo que fundou hai máis de corenta anos e polo que pasaron miles de rapaces, algúns alcanzando o éxito no fútbol profesional. “Non vos imaxinades o orgullo que sinto por todos os que pasastes por este clube”, dixo, destacando o labor de figuras como Cabanas e Carlos Conde. Ligado ao deporte e á vila, confesou: “Nacín hai máis de 70 anos e dende cativo intentei devolver o cariño de Redondela, namorado da súa xente.”

No seu pregón, Manolo gabou a esencia da Festa da Coca, que “mestura a historia coa lenda, o sagrado co profano, e a tradición co futuro”, e subliñou o valor dos bailes das penlas e das espadas como “patrimonio vivo” que reflicte a valentía e unidade da comunidade.

“A lenda da Coca é un reflexo da nosa identidade: unha comunidade que sabe enfrontar os seus medos, transformalos en festa e celebrar a vida en colectivo”, proclamou. Tamén tivo palabras de gratitude para a xente de Redondela, “especial, comprometida, xenerosa”, e un recordo emotivo para os seus pais, a nai dos seus fillos, os seus descendentes e amigos, algúns xa ausentes pero presentes no seu corazón.

Dirixíndose aos visitantes, emocionado invitounos a gozar da maxia da festa: “Benvidos á nosa vila! Que esta festa vos encha de ledicia e que a maxia da Coca vos acompañe sempre.” Rematou cunha sentida despedida: “Redondela é tradición, é cultura, é festa… e, sobre todo, é xente! Un humilde servidor despídese emocionado. ¡Viva a Festa da Coca! ¡Sempre, sempre, Redondela!”.

Un dos momentos máis emotivos da celebración foi a homenaxe ás alfombristas —Fita Pérez Pérez, María del Carmen González Adán, María Sonia González Gil, Carmen Martínez Fernández, Gerardo Fernández, Patricia Pereira Lores e María del Carmen Barros Míguez— e á Danza das Espadas, representada por Nardo Otero Alonso.

No seu discurso, a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, destacaron a importancia do seu labor: “Co seu esforzo, paixón e compromiso, eles e elas mantiveron viva a nosa tradición, dando vida á lenda da Coca a través das espectaculares danzas que encheron as rúas de Redondela de música e movemento, e das efémeras alfombras florais, auténticas obras de arte que deixaron un arrecendo inconfundible e un estoupido de cores.” A edil Digna Rivas expresou “A nosa festa da Coca é a expresión de todo un pobo, homes e mulleres que loitaron unidos contra o dragón, o cal venceron” “Esa unión é a que da sentido a esta festa e a esta vila” .

Esta sentida homenaxe subliñou o papel esencial destas persoas na preservación e enriquecemento do patrimonio cultural da vila.

O acto culminou co relevo solemne de penlas, un proceso que simboliza a continuidade da tradición. Elena Iglesias Estévez e Leire Piñeiro Lalín, como penlas saíntes, entregaron o testemuño ás novas penlas, Daniela Piñeiro Lalín e Sabela Gómez Crespo. Nun xesto simbólico, Elena entregou o seu gorro a Daniela, e Leire fixo o mesmo con Sabela.

A continuación, presentáronse as novas penlas entrantes, Ashley Blanco Cabaleiro e Ainara Migueles Carballido, que subiron ao escenario. Daniela e Sabela, agora como penlas intermedias, entregaron as súas ás: Sabela a Ainara e Daniela a Ashley. Finalmente, Ashley e Ainara debutaron co seu primeiro baile ante o público, marcando o inicio da súa etapa como penlas.

As Festas da Coca, declaradas de Interese Turístico, encheron Redondela de vida, reunindo a veciños e visitantes nunha celebración que honrou o Corpus Christi cunha harmoniosa combinación de tradición, cultura pagana e música.

HORARIOS DA PROGRAMACIÓN DO XOVES 19 DE XUÑO

Os actos do xoves 19 de xuño comezarán ás 11:00 h co traslado da Virxe A Gabacha dende a igrexa de Vilavella ata a igrexa de Santiago de Redondela, acompañada pola Danza das Espadas, as Penlas e a Banda de Música de Redondela.

Ás 12:00 h, terá lugar o desfile da Coca cos mordomos e dianiños, xunto a xigantes e cabezudos e o grupo de gaitas Son do Castro, seguido pola misa maior.

Ás 13:00 h, a procesión percorrerá as rúas decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela, e rematará cun baile homenaxe da Danza de Espadas e das Penlas.

Pola tarde, ás 19:30 h, o grupo Uxía Lambona e a Banda Lambona actuará na Alameda de Castelao, onde tamén se celebrarán os actos centrais da xornada.

Está pasando!