Pilar Martínez Soto será a pregoeira das festas de San Xoán 2025 | Concello de Poio

A veciña do Sartal, Pilar Martínez Soto, será a pregoeira do San Xoán de Poio 2025

4 Xuño 2025

Desde o Concello de Poio apóstase firmemente por poñer en valor á xente de aquí, veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva do pobo


O Concello de Poio anuncia con orgullo que Pilar Martínez Soto será a encargada de dar o pregón das festas de San Xoán 2025, unha das citas máis esperadas e emblemáticas do calendario festivo local, que se celebrará do 22 ao 27 de xuño.

Natural do Sartal, Pilar representa unha figura moi querida e vencellada á vida cultural, social e educativa do municipio. Filla de tres xeracións de taberneiros, pola súa casa pasaron practicamente todos os veciños de Poio.

Profesora de Educación Infantil, comezou a súa traxectoria facendo prácticas no CEIP Isidora Riestra, pero foi no CEIP de Chancelas onde finalmente conseguiu praza fixa, centro no que continúa a desenvolver a súa vocación docente. O seu vínculo co San Xoán vén de moi atrás, dende a infancia, cando o entorno do Mosteiro era o seu centro cultural e o corazón das festas.

Para Pilar, San Xoán significa música, diversión, gaiteiros, comidas especiais e fogueiras. Lembra con emoción os carros que percorrían pola noite as rúas facendo trasnadas e as casas cheas de xente grazas á chegada dos “festeiros”.

Un dos seus recordos máis vivos está ligado ás herbas de San Xoán. Foi a nai da curandeira que a asistiu no parto quen lle transmitiu a paixón pola recollida das herbas para facer o cacho, unha tradición que Pilar mantivo toda a vida e que soubo contaxiar a novas xeracións.

“Aínda cando non vivía en Poio, sempre volvía polo San Xoán”, confesa. Para ela, ser a pregoeira deste ano supón “unha auténtica satisfacción, un orgullo, pero tamén unha gran responsabilidade e un reto”.

Dende o Concello de Poio apóstase firmemente por escoller como pregoeiras a persoas cunha vinculación real e directa co municipio e coa tradición do San Xoán. Trátase de poñer en valor a xente de aquí, veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva do pobo.

O Concello quere agradecerlle a Pilar a súa disposición e celebrar con toda a veciñanza esta elección, que reforza o carácter participativo, popular e emotivo dunha festa que é parte esencial da alma de Poio.

Está pasando!