Presentación de ‘Salta na Rúa’ | © Concello de Pontevedra

A VII edición ‘Salta na Rúa’ volverá encher de atletismo a Praza da Ferraría coa presencia dalgúns dos mellores saltadores da historia

23 Agosto 2023

Lonxitude, Triplo salto e Pértega son as tres disciplinas que se promocionarán nesta cita deportiva durante a tarde do vindeiro sábado, 26 de agosto


A sétima edición de ‘Salta na Rúa’ volverá encher a Praza da Ferraría cunha mostra do mellor atletismo galego. A actividade, organizada pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra, achega ao contexto urbano tres disciplinas de saltos: lonxitude, triplo salto e salto con pértega.

Na práctica, ‘Salta na Rúa’ busca aproveitar as características que brinda a cidade de Pontevedra para a organización de eventos deportivos e amosar e promocionar o atletismo entre a veciñanza e os visitantes que estes días pasean polas nosas rúas.

A edición deste ano terá lugar o vindeiro sábado, 26 de agosto, a partir das 19.30 horas. O concelleiro Xaquín Moreda lembrou na presentación desta mañá que esta é unha cita única «realmente espectacular», que tamén reivindica o espazo público para acoller calquera tipo de actividade. «O Concello de Pontevedra ten como obxectivo claro a aposta polo deporte, tanto de base como de competición, e esta é unha mostra clara de novo. Estas actividades fomentan o deporte a todos os niveis, por iso o compromiso do Concello é firme á hora de colaborar co fin de levalas a cabo».



O membro e adestrador na Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Santi Ferrer Alonso, repasou polo miúdo o programa preparado para esta edición, agradecendo a colaboración do Concello de Pontevedra nunha actividade que xa está consolidada dentro da cidade, ao igual que outras citas deportivas como a San Silvestre ou a Media Maratón. «Ao longo de todo existe unha colaboració estreita e unha confianza entre a Sociedad Gimnástica e o Concello que permite realizar estes eventos», indicou.

«Salta na Rúa é unha forma de levar o deporte até a rúa e que a xente poida ver o que se fai no atletismo, que históricamente está máis asociado a correr… pero hai outras moitas cousas como son as especialidades de salto», explicou. «O cartel deste ano contará cunha participación espectacular, o mellor de todas as edicións ou, polo menos, o de maior nivel».

Así, Ferrer subliñou que estarán «os tres mellores saltadores da nosa historia», ao contar con Jean Marie Okutu. Luís Fernando Moro e José Alfonso Palomanes. «É un orgullo contar con eles e a xente poderá velos competir en directo». No eido feminino destacará a presencia de Andrea Villaverde, finalista nos campionatos de España sub-23.

Está pasando!