Presentación do XI Festival Convergências | Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Xunta reforza os lazos coa lusofonía na XI edición do Festival Convergências Portugal-Galicia

3 Febreiro 2025

  • O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta esta iniciativa que se enmarca nas accións do Goberno galego a prol do impulso da lingua galega
  • Celebrarase do 3 de febreiro ao 15 de marzo entre Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela con música, danza, teatro, cinema e literatura
  • Unha das citas máis destacadas será o tributo a José Afonso e Rosalía de Castro, onde actuarán Canto D’Aquí, Amancio Prada e Uxía o 23 de febreiro en Braga

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe unha nova edición do Festival Convergências Portugal-Galicia, que celebra a súa 11ª convocatoria cunha ampla programación composta por música, danza, teatro, cinema e literatura. Trátase dunha iniciativa que, tal e como salientou, aposta por “reforzar os lazos entre o galego e mundo lusófono”.

Tal e como indicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a cita terá lugar do 3 de febreiro ao 15 de marzo entre as localidades de Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela. Neste senso, destacou a importancia deste festival que leva máis dunha década achegando a lingua galega a outros territorios de fóra da nosa Comunidade.

Así mesmo, Valentín García sinalou que unha das citas máis destacadas será o tributo a José Afonso e Rosalía de Castro, onde actuarán o grupo Canto D’Aquí acompañados polos artistas Amancio Prada e Uxía e que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro en Braga. Tamén puxo en valor a multitude de propostas deste festival que inclúe artistas como Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez ou a Banda Municipal de A Estrada, entre outros.



Un mes cheo de actividades culturais

Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués José Afonso, estreitando os lazos que unen Galicia e Portugal e evidenciando a súa semellanza entre as súas linguas e culturas.

A programación, que reúne diferentes persoeiros do mundo cultural das dúas beiras do Miño, abrirase hoxe mesmo coa actuación Fado em Portugal de Artur Caldeira no auditorio do conservatorio profesional de música de Santiago de Compostela. O broche final a máis dun mes de programación será o 15 de marzo coa proposta musical Concerto fusão tradicional dos grupos Canto D‘Aquí e Rusga de San Vicente, no auditorio Reveriano Soutullo en Ponteareas. As actividades, datas e localizacións, poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Máis dunha década reforzando os lazos coa lusofonía

Promovido polo grupo Canto D’Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Está pasando!