XI Corazón da Artesanía nos Pendellos de Agoada | Fundación Artesanía de Galicia

A Xunta reunirá nos pendellos de Agolada preto de 60 artesáns e máis de 30 empresas de produtos gourmet na duodécima edición do Corazón da Artesanía

17 Xuño 2025

  • A Fundación Artesanía de Galicia organiza o XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de xullo
  • O programa incluirá demostracións de artesanía en vivo, o programa ‘Artesanía no Prato’, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos ao público, ademais de música en directo e actividades para nenos
  • Recoñecido co premio Promociona para entidades públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2023, o encontro ten como obxectivo impulsar o sector artesán galego e poñer en valor os oficios e a marca Artesanía de Galicia

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promoverá unha nova edición do Corazón da Artesanía. XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada co obxectivo de consolidar esta cita como un dos principais referentes na promoción da artesanía na Península Ibérica.

Na edición deste ano está previsto que participen un total de 56 artesáns de 26 oficios diferentes, entre os que se atopan 41 expositores de produtos de Artesanía de Galicia —aos que se lles suma Álvaro Pin, máis coñecido coma o Florencio dos Barreiros, que está facendo unha demostración de zocas—, 14 docentes dos diferentes cursos especializados e obradoiros abertos e 33 empresas de produtos gourmet, 24 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria.

Recoñecido co premio Promociona para entidades públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2023, o encontro ten como obxectivo impulsar o sector artesán galego mediante a valorización dos oficios, a promoción dos produtos de Artesanía de Galicia, a súa proxección en novos mercados e, especialmente, a creación de colaboracións nas que a artesanía achegue valor engadido.

O Corazón da Artesanía consolídase tamén como un punto de encontro entre artesáns e profesionais doutras disciplinas —deseñadores, decoradores, chefs, xornalistas, representantes de marcas e tendas especializadas—, favorecendo sinerxías que transcenden a feira e que abren novas oportunidades comerciais e de colaboración a medio e longo prazo.

XI Corazón da Artesanía nos Pendellos de Agoada | Fundación Artesanía de Galicia

Programa

Durante tres días, en horario de 11,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 21,30 h., o Corazón da Artesanía combinará tradición e vangarda nun encontro único que incluirá demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato —que une gastronomía e artesanía—, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos ao público, ademais de música en directo e actividades para nenos.

Os oficios representados abranguen unha ampla diversidade: xoiería e ourivería, sombreirería, instrumentos musicais, olería, cerámica, elaboración de zocos e zocas, marroquinería, téxtil, bordado, traballo en madeira e papel, forxa, cestería, colareiras, xoguetes, estampaxe, bordado ao aire e labores de palla.

O programa inclúe tamén cursos especializados —para os que será precisa inscrición previa— sobre estampaxe, pasamanería, elaboración de redes, olería, traballo en coiro ou debuxo, así como obradoiros abertos sobre oficios como o bordado, tecido, papiroflexia, forxa, cerámica de torno ou a creación de figuras con miga de pan.

Como é habitual, o encontro acollerá a iniciativa ‘Artesanía no Prato’, posta en marcha en 2013 no marco deste evento, co obxectivo de fomentar a colaboración entre artesanía, gastronomía e deseño.

Nesta edición, recoñecidos cociñeiros realizarán demostracións en directo, empregando pezas da marca Artesanía de Galicia para presentar os seus menús. A programación complétase con concertos e espectáculos ao aire libre, que se celebrarán durante a fin de semana na Praza do Concello.

XI Corazón da Artesanía nos Pendellos de Agoada | Fundación Artesanía de Galicia

Expositores participantes

Os expositores desta duodécima edición do Corazón da Artesanía inclúen 22 obradoiros da provincia da Coruña: Alfarería Lista, Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños); Belategui Regueiro e Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre); Artesanía JMR, Brigantia Orfebres, Jatafarta, Kinga Haudek, Sanín Percusión Tradicional, Sonia Arnaiz e Susi Gesto (Santiago); Cerámica Unzueta (Brión), Ferraxe de Prata (Teo), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Julia Vilariño (Pontedeume), Mailob (Vedra), Néboa na Ría (Sada), O Carabel Ecocestos (Ferrol), Redeiras Artesás (Corme, Ponteceso), Sofo (Ribeira) e Zeltia ao Aire (A Coruña).

Desde Lugo participan Álvaro Pin (Castroverde) e outros 7 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia: Alfarería Elías de Gundivós (Sober), Armaior e Enxógate (Quiroga), Cunqueiro (Palas de Rei), LeCOOP (Lugo), Mimacuir (Taboada) e Raíces Nómadas (Ribadeo).

A provincia de Ourense está representada por Félix de Martín (Ourense) e Lumecú (Vilar de Santos).

De Pontevedra proceden A Casa Rodante (Vigo), Aitor (Tomiño), Casa Atlántica (Redondela), Eferro (Merza, Vila de Cruces), La Parabólica (O Porriño), M. Isabel (Silleda), Montse Betanzos (O Grove), Pal.lium (Cangas), e os obradoiros Carballo Estrela e Coiro Tres Pés (Pontevedra).

Está pasando!